Máis do 93% dos aspirantes á parte obrigatoria da ABAU consegue aprobar

Exame da ABAU 2021 en Compostela (Foto: Arxina).

Máis do 93% do alumnado que participou na parte obrigatoria das probas de acceso á universidade (ABAU) logrou superala.

A Comisión Interuniversitaria da Galiza facilitou a última hora da quinta feira as primeiras cifras de alumnas e alumnos aprobados e presentados na ABAU, con motivo da publicación da listaxe de persoas aptas da convocatoria.

Do total de 13.261 alumnos matriculados aos exames na Galiza e realizados a pasada semana, finalmente presentáronse 13.115 tanto á parte obrigatoria como á voluntaria, o 98,9%.

Deles, uns 11.112 fixérono na parte obrigatoria, dos que aprobaron 10.359, o 93,22%.

Trátase dunha cifra que mellora o resultado do pasado ano, a primeira convocatoria da pandemia e que estivo marcada polo confinamento domiciliario durante o curso.

Ese ano rexistrouse perto dun 88% aprobados entre os alumnos que realizaron a parte obrigatoria.

Nesta ocasión, a publicación das notas experimentou un leve atraso debido a un problema na entrega dun dos correctores e dunha das materias máis numerosas, como foi Lingua Castelá.

A CIUG pediu desculpas polo atraso, que xustificou na necesidade de ser "garantistas" na carga de datos e o cálculo de medias para evitar posíbeis erros.