Máis do 56% das galegas xa foron inmunizadas fronte ao coronavirus

Varias persoas agardan no espazo de vacinación de Ourense despois de recibir unha dose. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)
A Consellaría de Sanidade asegura que perto do 72% da poboación diana á que se dirixe a campaña ten posta unha das doses da vacina contra a Covid-19. Os servizos sanitarios están centrados agora en atender ás franxas de idade de 40 a 49 anos (segunda dose) e de 30 a 39 anos, que está a comezar o tratamento.

Os contaxios da Covid-19 volven subir nestas datas pero tamén o fan as inmunizacións fronte ao virus, o que pode axudar a parar a expansión epidemiolóxica. Na actualidade hai perto dun 72% da poboación galega con polo menos unha dose da vacina, se ben máis do 56% dos individuos diana xa foron tratados coas dúas picadas dos fármacos aprobados até agora.

A Consellaría de Sanidade informou este sábado de que 1.392.825 persoas contan coa pauta completa. Isto supón que as equipas sanitarias distribuídas por todo o país subministraran 30.619 segundas doses na última xornada. De feito, a tarefa estivo centrada en atender ás persoas de entre 40 e 49 anos (e outras idades) ás que lle faltaba rematar a inoculación.

Desde o inicio da campaña de inmunización, administráronse a galegas e galegos 3.023.258 doses, o que tamén deu para que unha boa parte da cidadanía teña polo menos a metade da pauta (o 71,89%).

Ademais, nos próximos días continuarán a recibir a vacina as persoas de entre 30 e 39 anos. Até o momento máis do 40% "ten polo menos a primeira picada". En lugares como A Coruña están citados para esta semana próxima adultos que naceron en 1986 e 1987. O ritmo no resto de cidades é bastante similar.

Respecto dos vacinados por probabilidade de exposición, desde a Xunta aclararon que xa se atendeu a 72.926 traballadores do ámbito sanitario coa primeira dose (+10) e 71.580 están inmunizados (+82). Así mesmo, administrouse a primeira inxección a 27.361 profesionais do ámbito sociosanitario (+66) e 26.690 contan coa pauta completa (+34).

Tamén recibiron como mínimo unha dose dalgún dos medicamentos 44.780 traballadores esenciais (+20) e 41.151 completaron o proceso (+165).

Por idades

Por grupos de idade, recibiron polo menos unha dose até última hora da sexta feira 131.195 persoas maiores de 85 anos (+3); 96.039 de 80 a 84 anos (+5); 134.187 de 75 a 79 anos (+5); 152.691 de 70 a 74 anos (+5); 160.035 de 65 a 69 anos (+99); 169.664 de 60 a 64 anos (+3); 184.175 de 55 a 59 anos (+13) e 192.027 de 50 a 54 anos (+23).

A estas súmanse 197.127 persoas de 45 a 49 anos (+396) e 186.910 de 40 a 44 anos. Mentres que agora o proceso está na franxa de 30 a 39 anos, a mediados de setembro comezarán a ser inmunizadas contra o coronavirus as mozas e mozos de menos de 20 anos.