Máis de dez mil investigacións por violencia machista en 2019

O fiscal superior, Fernando Suanzes (dereita) entregou hoxe a Memoria no Parlamento.
As cifras que a Fiscalía recolle na súa Memoria anual, correspondente a 2019, sinalan un aumento importante dos delitos de violencia machista investigados, aínda cando Galiza era nese ano e continúa a ser un dos territorios cunha taxa máis baixa de criminalidade deste tipo dentro do Estado español.

A Fiscalía galega iniciou 10.589 investigacións o ano pasado relacionadas coa violencia machista. É un dos datos que se recollen na Memoria de 2019 que o Ministerio Público, a través do fiscal superior, Fernando Suanzes, trasladou esta segunda feira ao presidente do Parlamento galego, Miguel Ángel Santalices, e que supón un aumento de 45,7% respecto ao ano previo. As denuncias nese ano chegaron a 6.551, practicamente o mesmo número que un ano antes.

Medran ademais as sentenzas ditadas por este tipo de delitos nun ano no que tres mulleres falecían asasinadas pola violencia machista no triplo crime da Valga, a mans do ex marido dunha das vítimas–familiares entre si–, a mesma cifra que en 2018. 

Segundo se recolle na Memoria, perto da metade dos delitos cualificados por fiscais nesta materia foron por maltrato ocasional (43,9%), seguidos dos quebrantamentos de medidas cautelares (como ordes de afastamento e outras), que representan máis dunha cuarta parte. Os escritos de acusación por delitos de maltrato habitual supuxeron nese ano 10% destes casos e as ameazas, 8,3%. 

Ademais, o informe da Fiscalía Superior da Galiza dá conta das 2.022 ordes de protección solicitadas en materia de violencia de xénero, das que se adoptaron dous terzos e se denegaron 32,9%. Segundo o documento, o número de mulleres vítimas foi de 5.997, o que representa unha leve baixada, de 3%, respecto ao ano precedente. 

Menores

O que tamén baixa, segundo consta na Memoria, son os delitos de violencia doméstica (-11,34%) e de violencia de xénero (-45%) vinculados a menores de idade. Con todo, atendendo ás sentenzas, en 2019 disparáronse até 83,3% as de violencia de xénero, "probabelmente por tratarse de procedementos, polo menos en parte, incoados no ano anterior", segundo explican a Fiscalía.

 O número de menores axuizados por este e outros tipos de delitos aumentou en 2019 até 939, 52% máis que no exercicio precedente, e moi por riba dos anteriores. Nesas idades ditáronse 897 sentenzas, das que 92,4% impuxeron medidas ás persoas infractoras: 50,7% foron de liberdade vixilada mentres que 15% implicaron internamento en réxime semiaberto e 12,2% traballos en beneficio da comunidade.

Corrupción

O documento da Fiscalía recolle, a través das cifras, a evolución da criminalidade, cos delitos de lesións como os máis habituais e onde destaca o aumento de 43% dos delitos patrimoniais dos que se incoaron dilixencias, até 27.600, se ben as sentenzas redúcense até 2.809. Dentro deste apartado apréciase unha forte suba das estafas, que causaron 7.043 incoacións.

Medra tamén a actividade no relativo á corrupción, se ben as cifras son moito máis discretas: iniciáronse 166 investigacións por estes delitos, cun aumento interanual de 31, mais só chegaron a sentenciarse dez asuntos. En canto aos delitos máis numerosos, o primeiro é a prevaricación administrativa (66,87% do total), seguido do branqueo de capitais (10,84%); tráfico de influencias (6,63%), fraude por autoridade (6,02%) e suborno (4,82%).

O fiscal superior liga, polo menos en parte, o aumento da actividade xudicial nese ano coa "recuperación da normalidade" após a folga da Administración de Xustiza de 2018.