ECOLOXISMO

Máis de 85.000 sinaturas contra o 'agrocidio' das fumigacións

É o alude de apoios que a campaña contra as fumigacións de eucaliptais cun praguicida tóxico recibiu na internet e que a segunda feira entrarán na Xunta pola porta do Rexistro. Adega reclamou xa información oficial con localizacións e días desta actuación promovida pola patronal española do papel, presidida a día de hoxe por Ence

A Xunta de Galiza recibirá nesta segunda feira un alude de sinaturas en contra das fumigacións que pretende autorizar e que promove a patronal española do papel, Aspapel. A campaña, posta en marcha hai un mes, superaba este sábado á mañá as 85.000 sinaturas, segundo os datos visíbeis no contador de Change.org, cifra que a Plataforma contra as fumigacións --de que fan parte máis de 40 entidades-- considera "máis que suficiente" para facérenllela chegar ás autoridades galegas a través do Rexistro da Xunta.

A Plataforma informou de que as fumigacións están a se produciren xa na Galiza, aínda que non pola vía aérea, senón "por outros medios máis agochados da vista da poboación". Así, unha persoa enviou imaxes a Fumigacións non! en que se vía como unha furgoneta provista dun canón nebulizador fumigaba os eucaliptais do monte veciñal de Cepeda, en Pazos de Borbén, na fin de semana pasada. 

Fronte as aseveracións de Ence --entidade galega que preside actualmente Aspapel-- na liña de que non existe outro modo de combater o gorgullo nos eucaliptais galegos, as entidades que integran este colectivo xa demandaron perante a Xunta, a través de Adega, información exacta sobre o calendario de fumigacións, con localizacións e días, amparándose na Lei 27/2006, ao abeiro do Convenio de Aarhus, que garante o acceso á información ambiental. Segundo a norma, o Goberno galego dispón dun mes para emitir unha reposta, e na Plataforma non se descarta a vía xudicial se non se lles entrega a documentación solicitada.