'AGROCIDIO'

A patronal do papel fumigará a Rede Natura co apoio da Xunta

Adega fai público o mapa das áreas afectadas polas fumigacións aéreas de eucaliptais afectados polo gorgullo. Nesas terras, algunhas delas incluídas na Rede Natura 2000, hai ríos, localidades habitadas e especies en perigo de extinción

A Xunta xa dispón dun mapa coas zonas propostas pola patronal española do papel, Aspapel, para proceder coas fumigacións aéreas das plantacións de eucalipto que na Galiza están afectadas polo gorgullo. Son en total 69 áreas de 8 quilómetros de diámetro cada unha, distribuídas en terras da Coruña --40 localizacións--, Pontevedra --28 localizacións-- e Lugo --1 localización-- e responden ás masas máis extensas e con maior afectación da praga.

Mais non só iso. Na cartografía elaborada pola empresa española Fitoaragón S.L. aparecen tamén lugares habitados, cursos fluviais e espazos que forman parte da Rede Natura 2000.

Un delito apoiado desde a Administración galega
Da Rede Natura forman parte "un número importante das áreas" nas que se procederá ás fumigacións. Nesas terras viven especies protexidas de insectos a cuxa conservación obriga a Directiva 92/43 CEE e que tamén se verán afectados polo tóxico, coma a bolboreta Euphydryas aurinia, coleóptero Cerambyx cerdo --o escarabello máis grande da Galiza-- e o escarabello Lucanus cervus --vacaloura--, que están consideradas de interese comunitario e que figuran no Anexo II da Directiva de Hábitats. Alén destas especies, tamén os morcegos e as aves insectívoras ficarían vulnerábeis ante o veleno.

Atendendo á Lei 42/2007 do Patrimonio Natural e da Biodiversidade e á Lei 9/2001 de Conservación da Natureza calquera dano a estas especies podería ser constitutivo dunha falta moi grave e mesmo dun delito penal, "coa agravante de ser a propia Administración quen o cometería", segundo considera a organización ecoloxista Adega, que acusa á Xunta dunha "submisión escandalosa ao lobby do eucalipto".

Estas 'Zonas de tratamento químico', como foron designadas pola mencionada empresa, serán fumigadas con Cascade, un praguicida que inclúe entre a súa composición o principio activo flufenoxuron, de elevada toxicidade --tal e como se pode ler mesmo na etiqueta do produto-- e de "enorme" dispersión ao empregar métodos aéreos, tal e como apunta Adega. "Persoas, animais e a biodiversidade ficarán expostas ao veleno", sinala a asociación ecoloxista, e advirten ao Goberno galego da complicidade que está a demostrar "nun delito contra a saúde das persoas e do medio ambiente", polo apoio brindado a esta práctica. Aínda nesta quinta feira o secretario xeral de Montes compareceu no Parlamento para negar a toxicidade do praguicida que se empregará.

''A Xunta está totalmente comprada''
Diante dos sucesos acontecidos nestes días en relación coas intencións de Aspapel de proceder a fumigacións aéreas na Galiza co visto e prace das consellerías do Medio Ambiente e do Medio Rural, a plataforma Fumigacións non! vén de comunicar que, segundo o Regulamento da Comisión Europea nº942/2011, concédese Estados membros ata finais de 2012 un prazo para que sexa retirada do mercado este praguicida, que leva como principio activo o flufenoxuron.

Cos datos recollidos pola plataforma, a eurodeputada do BNG Ana Miranda fixo unha interpelación parlamentar dirixida á Comisión Europea, preguntando polas medidas que adoptarán para garantir o cumprimento da normativa comunitaria cando as intencións de Aspapel e da Xunta afectan "á saúde alimentar e á preservación do medio ambiente", tendo en conta que mesmo as fumigacións aéreas están prohibidas na UE desde o 2011. Seguen a practicarse, e empregando este mesmo principio activo de alta toxicidade, en plantacións propiedade dos terratenentes en Perú, Colombia ou Chile, de cultivos coma o algodón ou o tabaco.

Na liña, o colectivo contra as fumigacións está a preparar novas accións en Monfero --nunha xuntanza convocada por Asociación Forestal--, en Ortigueira --nun encontro organizado por Unións Agrarias-- e no Porto do Son --onde tamén convocou ás veciñas e veciños Asociación Forestal-- para "desmentir" as bondades das fumigacións que as organizacións convocantes pretenden transladar á cidadanía.

A plataforma refuta as declaracións do secretario xeral de Montes perante o Parlamento, nas que apuntou que o Goberno galego "só autoriza as fumigacións mediante helicóptero, mais nin finanza nin promove o tratamento", atribuíndoo "sen ningún tipo de escrúpulo" a empresas do sector madeireiro, segundo denuncian desde Fumigacións non!, que resumen a situación nunha soa frase: "A Xunta está totalmente comprada e a expensas das grandes multinacionais, sexan químicas ou madeireiras".