Máis de 13.000 persoas sofren a doenza do párkinson na Galiza

Inés Rei e José Manuel Andrade (centro) após a lectura do manifesto na Coruña. (Foto: Europa Press).
Asociación de doentes procuran dar a coñecer unha imaxe "máis exacta e verdadeira" desta doenza que afecta tantas persoas.

Persoas afectadas polo párkinson e as súas familias sumáronse onte, na praza de María Pita, na Coruña, á lectura dun manifesto co obxectivo de visibilizar esta doenza neurodexenerativa e concienciar sobre as necesidades do colectivo.

Á cita, organizada pola Federación Estatal de Párkinson, acudiu o director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade da Xunta, Fernando González Abeixón; a alcaldesa da Coruña, Inés Rei, e representantes das formacións políticas no Consistorio (PP, PSdeG, Marea Atlántica e BNG).

Sete millóns de afectados no mundo

O membro da xunta directiva da Asociación Párkinson Galicia na Coruña, José Miguel Andrade, explicou que se trata dunha enfermidade crónica e neurodexenerativa que "se estima" que afecta máis de 13.000 persoas na Galiza, 180.000 no Estado español e máis de sete millóns de persoas no mundo.

Ao fío diso, sinalou que o que procuran desde a asociación é dar a coñecer unha imaxe "máis exacta e verdadeira" desta doenza que afecta "drasticamente" a calidade de vida da persoa doente e de "toda a súa contorna".

"Unha doenza descoñecida"

"Hai tantos párkinson como persoas afectadas", destacou Andrade, que insistiu en que esta enfermidade segue sendo "unha gran descoñecida". Aproveitou tamén para remarcar que é necesaria a obtención de "datos reais" sobre o número de persoas afectadas, o perfil sociodemográfico, así como a evolución e resposta aos tratamentos.

Pola súa parte, a rexedora da cidade da Coruña, Inés Rei, manfestou o seu apoio "incondicional" ás persoas e ás familias que padecen esta enfermidade e pediu unha "acción conxunta de todas as Administracións", desde os concellos até o Goberno estatal para que as peticións deste colectivo poidan ser atendidas "o máis rapidamente posíbel".