A Coruña buscará no vento e nos residuos a enerxía para a eléctrica municipal

A Coruña acordou a comezos de mes dar os primeiros pasos para a creación dunha compañía eléctrica municipal, cuxa estrutura e funcionamento está aínda por decidir. Con todo, o Concello ten parte do traballo avanzado, pois conta con instalacións de titularidade pública que xa obteñen a súa enerxía a partir de fontes renovábeis.
Xeradores eólicos no parque Adolfo Suárez da Coruña (Foto: Xoán Roberes).
photo_camera Xeradores eólicos no parque Adolfo Suárez da Coruña (Foto: Xoán Roberes).

A Coruña será a primeira das grandes cidades galegas en contar cunha empresa enerxética municipal. Cando menos esa é a súa intención. O Goberno local (PSOE), a iniciativa de Marea Atlántica e co apoio do BNG,  aprobou nun pleno extraordinario decorrido o pasado 3 de decembro o inicio da creación dun operador enerxético que terá como principios básicos de actuación a protección ambiental e a loita contra o cambio climático e a pobreza enerxética.

O novo operador enerxético, que colgará da estrutura de Emalcsa, a empresa municipal de augas da Coruña, ten aínda moito camiño por andar. O seguinte paso no calendario será a constitución dunha comisión de estudo composta por membros da Corporación e por persoal técnico que terá por obxecto redactar unha memoria relativa aos aspectos social, xurídico, técnico e financeiro da actividade económica do operador enerxético. A designación do persoal que integrará a devandita comisión correrá a cargo da Xunta de Goberno local, que dispón dun prazo máximo de dous meses para cumprir con esta premisa.

Porén, aínda que a fase administrativa está nos seus inicios ─o acordo comezou a fraguarse en 2019 pero non se executou até agora─, o Concello da Coruña ten moito avanzado na parte de xeración enerxética e autoconsumo nos últimos anos.

Baixo a terra que cubriu o antigo vertedoiro de Bens após o derrubamento de 1996 quedou unha bolsa de biogás que comezou a explotarse no 2003 e que xa está próxima a esgotarse. Segundo apuntan desde o Consistorio coruñés, leva producidos case 80 millóns de quilowatts hora (KWh) de enerxía. O pasado ano foron só 1,2 millóns KWh producidos, máis algunhas das previsións falaban de que o biogás xa se tería esgotado no ano 2015, cousa que non sucedeu.

Independentemente do biogás que quede por aproveitar no antigo vertedoiro, o emprazamento desta planta é xa un novo referente en materia enerxética na cidade, xa que o pasado 8 de xuño inaugurouse alí o novo Centro Municipal para o Clima e a Enerxía Sostíbel 'Fernando Roade'.

Xunto a el, o Concello levantou unha instalación híbrida solar-eólica de 20 quilowatts (kW) que, como apuntaron no seu día fontes municipais será a primeira dunha serie de instalacións demostrativas de produción de enerxía mediante fontes renovábeis do complexo, qie ademais servirán para cubrir a demanda enerxética do edificio.

O maná dos residuos

Non moi lonxe de alí, na planta de tratamento de residuos de Nostián, de titularidade municipal, o Concello ten outra fonte de xeración de biogás rico en metano, tamén a partir da descomposición dos residuos orgánicos. A central está composta por cinco módulos de motor-xerador cunha potencia instalada de 6.200 kW, capaces de producir 55 xigawatts hora ao ano (GW/h) que despois se aproveita na planta, exportándose o excedente á rede eléctrica.

Doutros residuos, desta vez dos da Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) de Bens,  tamén se conseguiu obter biogás. Xustamente, a unidade mixta formada pola EDAR e Naturgy anunciou hai uns días que comezaba a inxectar biometano na rede de subministración. 

Até o de agora, ese gas empregábase como combustíbel sostíbel para facer funcionar un autobús de liña regular e tres furgonetas de colectivos sociais da cidade.

Con este novo fito ─é a primeira vez que se inxecta biogás de depuradora á rede na Galiza─ a estación de Bens terá capacidade para producir medio millón de metros cúbicos de biogás, equivalentes a unha capacidade enerxética de case cinco millóns e medio de quilowatts hora ao ano ou, o que é o mesmo, o consumo de 900 fogares. O seguinte fito podería ser a produción de hidróxeno verde nas instalacións, un combustíbel chamado a revolucionar o mapa enerxético, e que xa están a investigar.

Autoconsumo

Estas instalacións de xeración súmanse a outros equipamentos de produción enerxética públicos que o Concello ten espallados pola cidade, como son as instalacións solares da piscina de Riazor (30 paneis solares) e a do Parque de Bombeiros (3 paneis); as plantas de coxeneración nas instalacións deportivas de San Diego e do Club do Mar de Santo Amaro, e os tres minixeradores eólicos do parque Adolfo Suárez. 

Con todo, a idea do Concello coruñés é seguir ampliando o número de dependencias municipais con instalacións de autoconsumo nos próximos anos, así como mellorar a eficiencia enerxética de todos os inmóbeis de titularidade pública.

Comentarios