107 colectivos ambientais recorren a tramitación en estado de alarma de proxectos industriais de grande impacto

Neumáticos e contaminación na mina de Touro (Foto: Nós Diario).

Presentaron un recurso de reposición no que se pide a suspensión cautelar das Ordes do 27 de abril e do 5 de maio polas que a Xunta dá luz verde á continuidade da tramitación administrativa de case 1000 proxectos industriais de grande impacto en pleno estado de alarma.

Máis dun cento de colectivos presentaron un recurso de Reposición fronte a Orde da Consellaría de Medio Ambiente, do 27 de abril, e fronte a Orde da Consellería de Economía, Emprego e Industria, do 5 de maio de 2020 pola que se dá continuidade á tramitación de preto de 1000 expedientes administrativos durante o estado de alarma.

Este recurso foi presentado polo grupo de traballo denominado Alarma Ambiental Galega que nacía hai menos dun mes como resposta ao acordo do Consello da Xunta do xoves 30 de abril do 2020[1] (DOG[2] deste 4 de maio) no que se aprobou reactivar a tramitación administrativa en materia de avaliación ambiental de 975 proxectos que estaban paralizados polo Real Decreto que declarou o Estado de alarma.

Posteriormente, a Xunta da Galiza ditou unha nova Orde a través da Consellaría Industria, que se publicou no DOG do 11 de maio, pola que "non só se daba luz verde á continuidade da tramitación de centos de expedientes administrativos con forte impacto ambiental, senón que lexitimaba ao Goberno galego para aprobar tales proxectos industriais de grande impacto".

Petición de suspensión cautelar

As entidades recorrentes piden a suspensión cautelar de ambas Ordes da Xunta “por contravir o Real Decreto 463/2020, do 14 de marzo do 2020, polo que foi declarado o Estado de alarma, que estableceu con carácter xeral a suspensión dos termos e dos prazos para a tramitación dos procedementos das entidades do sector público”.

“Só contempla, como forma excepcional, que se poidan acordar, mediante resolución motivada, a continuación daqueles trámites que sexan indispensables para a protección do interese xeral ou para o funcionamento básico dos servizos”, indican. 

“Porén, a Xunta –engaden- aproveita esa excepcionalidade do Real Decreto para subverter a regra xeral, e atribuírlle tal carácter a preto de mil expedientes que, na súa maioría non son de interese xeral nin son indispensables ou estritamente necesarios para o funcionamento básico dos servizos públicos”

Menoscabo dos dereitos dos administrados

Para as asinantes, esta situación “resulta especialmente grave, cando aínda nos enfrontamos a unha seria crise sanitaria e a poboación continúa con a estar limitada para o desenvolvemento de moitas das súas actividades de forma normalizada, polo que tamén están limitados os movementos e posibilidades de organización veciñal para responder a proxectos industriais de tan grande impacto”.

“Por tanto, mentres dure o Estado de alarma os dereitos fundamentais dos administrados sofrente un menoscabo e as persoas e colectivos temos menos posibilidades de exercer o control sobre a acción administrativa en materia de medio ambiente ou para evitar que dela se deriven ilegailidades”, conclúen