Máis da metade do persoal de enfermaría do Sergas é temporal

Dúas enfermeiras en plena xornada de traballo. (Foto: Satse).
"Enfermeiras en loita" debulla os datos do cadro de persoal da sanidade galega. Uns datos, afirman, que indican a "situación preocupante que incide directamente na calidade e estabilidade dos servizos sanitarios na Galiza".

O colectivo Enfermeiras en loita informa do que cualifica como "datos reveladores" do departamento de Recursos Humanos do Sergas, datos que "deixan ao descuberto a dura realidade do persoal de enfermaría do Servizo Galego de Saude", afirman.

Segundo os datos de desagregación que proporciona o colectivo, máis de 50% de cadro de persoal está formado por persoal temporal, incluídos persoal con praza vacante e resto de persoal temporal.

"A información que ofrecemosdetalla a distribución do cadro de persoal, destacando a porcentaxe de titulares con posto fixo, persoal temporal con praza vacante (interino) e o resto de persoal temporal".

Estes datos, reiteran, reflicten unha "situación preocupante que incide directamente na calidade e estabilidade dos servizos sanitarios na Galiza".

Datos oficiais recollidos durante o período de xaneiro a abril de 2023:

Persoal con Praza en Propiedade: 5.581 (48.11%). Este grupo constitúe estatisticamente menos da metade do cadro de persoal total do persoal medio activo durante o período indicado.

Persoal Temporal con Praza Vacante: 2.995 (25.85%). Os datos de "Persoal temporal con praza vacante" reflicten a media diaria de adscricións a postos de traballo facilitados pola Oficina de Orzamentos (prácticas en postos vacantes, promocións internas en postos vacantes e reintegros temporais en postos vacantes).

Resto de Persoal Temporal: 3.012 (25.95%). Os datos do “Resto de Persoal Temporal” reflicten a media diaria de vinculacions non asociadas aos postos orzamentados por execución de programas de interinidade, acumulación de tarefas, substitucións de persoal ausente, etc.

Os datos, Explica Enfemeiras en Loita, corresponden ao número medio de profesionais diarios no período xaneiro-abril de 2023.

Carga de traballo

Estes datos súmanse a outrosque s eforon coñecendo ao longo deste ano, como que 84,83% do persoal de enfermaría considera que o número de pacientes que ten asignado no seu hospital, centro de saúde ou centro sociosanitario "non é o axeitado" para prestar unha atención "segura e de calidade", segundo unha enquisa realizada polo Sindicato de Enfermaría Satse no mes de maio a un total de 6.260 profesionais de todo o Estado español. No caso dos hospitais, mentres que os estudos determinan claramente unha ratio máxima de entre 6 e 8 doentes por enfermeira, a maioría delas —7 de cada 10— aseguran superar os 10 pacientes.