Dupla capa e moito máis!

Máis contidos “fóra de serie” no Sermos en papel

Detalle da capa do Fóra de Serie

Coa chegada de 2017, ano en que o semanario fai o seu quinto aniversario, o Sermos en papel regresou aos quiosques e á loxa con novidades: máis contidos na sección cultural Fóra de Serie e unha dupla capa para que as lectoras e lectores decidan por onde comezar o periódico.

O semanario Sermos Galiza, nos quiosques e na loxa desde a quinta feira, 5 de xaneiro, encetou o 2017 con importantes novidades. E é que o Sermos en papel comezou o ano en que fai o seu quinto aniversario cunha dupla capa: a tradicional e a contra, que é a primeira da sección Fóra de Serie, obra dun dos máis salientábeis deseñadores do país, Pepe Barro, que ideou a renovación do semanario en 2016.

Desta maneira, son as lectoras e lectores quen deciden por onde comezan o periódico. Tanto ten que se abra por un lado ou polo outro, sempre estará do dereito!

Novidades no Fóra de Serie

Mais a dupla capa non é a única novidade. A sección cultural, Fóra de Serie, chega con novos e máis contidos. Todas as semanas incorporamos unha entrevista a dupla páxina a unha figura de interese. No número 228 estreamos a conversa co científico Jorge Mira.

Aliás, este ano, o Fóra de Serie sumará contidos de historia galega, para coñecermos aqueles episodios que nos foron ocultados; de fotografía, a cargo do fotógrafo Alberte Sánchez; de banda deseñada, a cargo do especialista Xulio Carballo; de cooperativismo na cultura; asinados por Iolanda Gomis ou de efemérides, asinados por Xoán Costa; así como a peza Con pés de la, sobre expresións galegas, de Rosa Conde Vieiro.

O Fóra de Serie deste 2017 tamén fará as delicias dos padais máis exquisitos grazas ás receitas que veñen da man de Merche Espiño. Aliás, contaremos coa colaboración do Museo do Pobo Galego para debullar obras representativas e dos máis interesantes museos etnográficos do país.

Todo isto se sumará ás seccións que vén incorporando o Fóra de Serie desde a súa estrea: Botar un ollo (sobre deseño), de Pepe Barro; Mapa de bits (sobre innovación e tecnoloxía), de Iago Varela; Eira das Mouras (sobre etnografía e patrimonio), de Felipe Senén; De Memoria (memoria galega), coordinada por Carme Vidal ou Banda Deseñada, coordinada por Kiko Dasilva. Continuarán as seccións sobre teatro, a cargo de Manuel Xestoso, as críticas de literatura, a cargo de Mario Regueira, e mais a de cinema, a cargo de Andrés Castro; a sección de novidades editoriais coordinada pola AELG ou a de literatura infantil e xuvenil, que asina Mónica Pazos. E moito máis, pois non perderemos de vista a actualidade cultural que ferve no país!

Alén disto, o Sermos Galiza en papel, dirixido por María Obelleiro, incorpora unha interesante sección chamada A ollo nu, na que Xoán Costa tira de hemeroteca para recuperar episodios salientábeis das últimas décadas recollidas na prensa galega.

Lembra que podes subscribirte desde a esta ligazón ou chamando ao 881959597.