Máis contaxios, máis casos activos e máis hospitalizacións no día en que se alivian as restricións

Paseo marítimo de Sanxenxo (Imaxe: Beatriz Ciscar / Europa Press).

Galiza mantén a tendencia ascendente nos casos activos de Covid-19 por oitava xornada consecutiva, mentres que os novos contaxios dispáranse a 229, tras superar a barreira dos 200 o pasado sábado. Pola súa banda, os pacientes hospitalizados aumentaron en 13, até os 195.

Os datos actualizados na mañá da sexta feira pola Consellería de Sanidade, con rexistros até as 18 horas da quinta, indican que hai 26 pacientes Covid ingresados en UCI, un máis, e 169 noutras unidades, 12 máis.

Por áreas sanitaria, a presión hospitalaria sobe en catro: A Coruña e Cee; Ourense; Santiago e Barbanza e Vigo; mentres que se mantén na de Lugo; e baixa nas de Ferrol e Pontevedra e O Salnés.

En concreto, na área da Coruña e Cee seguen sete pacientes Covid en UCI, pero soben a 56 os ingresados noutras unidades -catro máis-; así como na de Vigo, onde catro persoas permanecen en críticos e aumentan a 34 as hospitalizadas noutras unidades -catro máis-.

Pola súa banda, na de Ourense increméntanse a cinco os pacientes Covid en UCI -dous máis- e a 16 os doutras unidades -un máis-; mentres que na de Santiago e Barbanza aínda que baixan a tres o críticos -un menos-, soben a 26 os que permanecen noutras unidades -cinco máis-.

En canto á de Lugo, non experimenta cambios e continúa con tres en UCI e oito noutras unidades. Mentres, na de Pontevedra e O Salnés seguen catro en críticos e descenden a 21 os doutras unidades -un menos-. E a área de Ferrol prosegue como a única da Galiza sen ingresados Covid en UCI e reduce a oito os hospitalizados noutras unidades -un menos-.

Máis casos activos

En canto aos casos activos, Galiza encara un novo alivio nas restricións cun aumento por oitava xornada consecutiva, ao situarse en 2.523, o que supón 84 máis que a xornada anterior. Iso débese a que houbo máis contaxios (229) que altas (145).

Por áreas, as infeccións activas soben en seis das sete áreas: Pontevedra e O Salnés (+32); Vigo (+17); Santiago e Barbanza (+16); Ourense (+12); A Coruña e Cee (+6) e Ferrol (+4), mentres que na de Lugo descenden lixeiramente en tres.

A área sanitaria de Vigo mantense á cabeza en número de casos activos con 642; seguida da da Coruña e Cee, con 608; Pontevedra e O Salnés, con 407; Santiago e Barbanza, con 379; Ourense, con 217; Lugo, con 173; e Ferrol segue á cola, con 97.

Vigo, á cabeza en contaxios

Os novos contaxios disparáronse e superaron, como sucedeu o sábado pasado, a barreira dos 200 até alcanzar os 229, despois de iniciar esta semana con 126, repuntar a 165 a terza feira, descender lixeiramente a 158 a cuarta e volver aumentar a 199 a quinta.

Segundo os últimos datos actualizados, confirmáronse 199 positivos con PCR nas últimas 24 horas, 22 máis que a xornada anterior, coa área de Vigo á cabeza, con 57; seguida da Coruña e Cee, con 45; Pontevedra e O Salnés, con 40; Santiago e Barbanza, con 29; Ourense, con 12; Lugo, con 10; e Ferrol, con seis.

No que respecta á taxa de positividade, descendeu a un 1,9% após manterse nun 2% o resto da semana despois de baixar na segunda feira a un 1%, polo que segue por baixo do 5% que a Organización Mundial da Saúde (OMS) fixa para dar por controlada a pandemia.

A pandemia deixa até a data en toda a Galiza 2.371 persoas falecidas diagnosticadas coa Covid-19, ao non notificar Sanidade novas vítimas desde a cuarta feira.