Máis

Sobre os camiños de ferro de Ferrol a Ribadeo

Este ferrocarril discorre por lugares excepcionais como a Praia de Rueta (Cervo). (Foto: Javier Villanueva Rico)
Un percorrido pola popularmente coñecida como liña do 'Indostán'

P ara moitas persoas de vilas como Moeche (Ferrolterra) ou Burela (A Mariña) foi unha verdadeira ledicia escoitar o ruxe ruxe das máquinas do tren. Toda unha vida ou aínda máis agardando por este feito. 
Todo tiña a súa explicación, xa que o primeiro proxecto de facer un camiño de ferro entre Ferrol e as bisbarras da Mariña foi aprobado en 1886 pero até 35 anos despois, en 1921, non comenzou a facerse o tendido ferroviario. A falta de financiamento e a complexidade do proxecto da liña de ferrocarril entre Ferrol e Xixón (Asturias) motivaron varias mudanzas na realización do seu trazado, obras que non rematarían até 1972. 

Se ben é certo que xa fixera a súa aparición dez anos antes por Ferrolterra, mais nunha curta secuencia, foron inaugurándose distintos tramos até conectar Ferrol con Asturias. O primeiro, entre Ferrol e Mera de Arriba en 1962, que logo chegaría a Ortigueira en 1964, dous anos despois até Viveiro, en 1968 a Ribadeo, e por fin en 1972, as vías cruzarían o río Eo cara a terras asturianas. 

Con isto, uníase a Galiza coa rede de ferrocarrís de ancho métrico coñecida popularmente como "A Feve", polo nome da compañía que daquela explotaba o trazado.

A liña do "Indostán" debe o seu nome popular a un xogo de palabras que facía alusión ás tardanzas das obras e á fragmentada inauguración dos seus tramos. Coa mestura de tantos anos de construción e de aperturas parciais, a veciñanza de Ferrolterra comenzou a referirse a este tendido como a liña do "Indostán" xa que cando alguén preguntaba polo tren dicíanlle que "aínda o están a facer".                                                          

Unha polémica alternativa

O tamén coñecido "Tren da Mariña"ofrece unha posibilidade de viaxe ás vilas desta comarca mais tamén é unha maneira para achegarse a moitas aldeas como Cuqueira, Labacengos ou Entrambarrías, entre outras. A liña comprende en total 34 frecuencias diarias, ofertándose para o traxecto Ferrol-Ribadeo catro frecuencias ao día nun sentido e catro no outro. Como tren de proximidade existen seis até Xuvia, 12 até San Sadurniño e oito até a Ortigueira. 

Para viaxar a Asturias son oito os trens rexionais (catro en cada sentido) que unen a cidade ferrolá con Oviedo. 

A morfoloxía do trazado adecúase cun modo moi camaleónico ao sinuoso medio físico e conforma unha sorte de túneles, curvas e pontes que permiten gozar a toda persoa que viaxa no tren dunha amálgama paisaxística moi completa e variada.

Atópanse ambientes brañeiros ao carón das rías, o tren somérxese polas trincheiras que salvan a profunda vexetación dos montes, aproxímase a espazos verdadeiramente incríbeis como a localidade do Barqueiro ou a praia ribadense de Augas Santas (tamén coñecida como praia das Catedrais polas formas adquiridas polas rochas), e acompaña a liña do litoral cantábrico entre cantís e chaos. Os pequenos trens dun só coche que decote avanzan pola liña contrastan coas longas composicións de luxo que tamén fai gala do seu paso por esta vía de ferrocarril. 

De feito, escritores e escritoras de publicacións e coñecidas guías de viaxe dan boa conta do que se expón nesta peza, a singularidade destes lares e a fermosa e variada paisaxe que pode ser 'desfrutada' pola polémica vagarosidade da marcha do tren de ancho métrico.
Xa o dicía Andrés do Barro, "o tren vai andando pasiño a pasiño e vaime levando cara meu destiño", difícil atopar unha afirmación que defina mellor o carácter deste camiño de ferro. 

Habería que engadir que supón unha alternativa  de transporte para visitar os distintos grandes eventos musicais que se celebran como os estivais Festival de Ortigueira e Resurrection Fest, e doutras festividades de Ferrol, os Indianos de Ribadeo, a Feira do Bonito en Burela ou a Festa Normanda de Foz, estas últimas na comarca da Mariña. 

Para a veciñanza, na época de festas, o tren ofrece a posibilidade de esquecer o coche (se é o caso) e ser unha opción segura de mobilidade. 

Continuos atrasos, falta de recursos e de persoal

A disfuncionalidade da liña Feve xera moitas anécdotas no imaxinario das veciñas e veciños, como o derbi de fútbol acontecido en 2017, entre Viveiro e Ribadeo que motivou que a escuadra visitante fora xogar e retornara á súa vila co tren como medio de transporte, tardanza incluída. É aquí onde achamos a outra cara da moeda: os atrasos e avarías. 

Máis alá de motivar as persoas procedentes doutros territorios que visiten a zona ou do uso que se fai do tren nos tempos das festas, a presenza desta vía de comunicación tórnase vital para unha parte moi importante das usuarias e usuarios, especialmente a veciñanza que usa a liña para moverse polo seu redor como un servizo de proximidade. 

Pese ao asombroso atraso que acumularon as obras, nunca se deu por garantido o servizo, polo que xa naceu cunha 'saúde' máis fráxil que a doutros camiños de ferro.

Administracións públicas adoitan referirse á clausura deste tipo de servizos sen ter en conta a transcendencia que comportan para a poboación que vive nas súas beiras, a sostibilidade do tren como medio público de transporte colectivo e a capacidade de xuntar os desprazamentos co desfrute das paisaxes da contorna.

A ausencia de interventores implica a non contabilización de persoas que usan este servizo e 'reforza' os informes que avogan polo seu fechamento baseándose nun suposto déficit

A común ausencia de interventoras e interventores nestes trens implica a non contabilización de persoas que usan este servizo ferroviario e 'reforza' informes a prol do seu fechamento, baseándose nun suposto déficit de viaxeiras e viaxeiros, como acontece noutros puntos da Galiza.

Este ano, o Ministerio de Transporte acometeu actuacións no tramo entre Ferrol e Ortigueira, onde se mudou o sistema de seguridade a outro máis moderno e automatizado e se implementaron vías auxiliares para facilitar cruces en dúas estacións. Aínda que teoricamente a mellora é substancial, seguen as demoras e os incidentes no tramo renovado. Ademais, o tramo Ortigueira-Ribadeo quedou 'esquecido' destas accións de mellora. A veciñanza aínda non ve lograda a súa histórica reclamación por un 'tren funcional'. Aliás, Renfe retirou boa parte do persoal da liña agravando a falta de atención ás usuarias e usuarios sobre as tardanzas do tren e alteracións nas frecuencias e servizos.