25 galegos emigran ao estranxeiro cada día

Entre 2015 e 2019, un total de 53.613 persoas deixaron Galiza para instalarse nalgún outro país do mundo distinto de España. Outras 96.094 emigraron a outros territorios do Estado.

En 2019, 28.853 persoas abandonaron Galiza segundo reflicten os datos de Explotación de Movementos Migratorios publicados polo Instituto Galego de Estatística (IGE). De entre todas as saídas 19.778 dirixíronse cara a outros territorios do Estado e 9.075 cara ao estranxeiro.

Así, o padrón de galegos e galegas residentes no estranxeiro aumentou a finais de 2019 até acadar as 523.672 persoas, de acordo cos números recollidos polo IGE a partir do Padrón de Españois Residentes no Estranxeiro (PERE). O colectivo aumentou en 4.026 persoas respecto ao ano anterior, unha cifra que non deixou de medrar nos últimos anos e que integra o número total de galegos que viven fóra do Estado español, nados tanto na Galiza como no exterior; é dicir, descendentes con pasaporte propio mais novos emigrantes que nos últimos anos decidiron marchar.

Entre 2015 e 2019, 53.613 persoas deixaron Galiza para ir vivir a algún outro país do mundo disto de España. Coincide co período de maior emigración cara o estranxeiro iniciado en 2013 con 11.739 saídas. Desde entón, 2017 marcou a cifra máis alta de emigracións, con 11.869.

Os datos de 2019 volven situarse nos niveis dunha década atrás. Porén, a emigración non deixa de subir. Pero crece a un ritmo máis lento, acorde coa perda de poboación e, sobre todo, de poboación en idade de marchar, cada vez máis escasa.

Emigración a Europa

Nos últimos anos, Europa acolleu boa parte dos galegos e galegas que decidiron marchar. Segundo as estatísticas oficiais -que recollen só os datos das persoas que se rexistran no país de destino- o numero de residentes galegos en diferentes Estados europeos pasou de 93.384 en 2009 a 112.125 en 2019. Nesta década o colectivo emigrante creceu en case 20.000 persoas e mudou o seu perfil. Hai máis mulleres e ben preparadas, un déficit engadido para o futuro da Galiza.

Máis entradas que saídas

Das 19.778 persoas que deixaron Galiza para instalarse noutro territorio do Estado español, 4.815 escolleron Madrid, 2.452 Catalunya e 2.140 as Illas Canarias.

Polo que respecta á emigración interna, a que ten como destino outro concello dentro da Galiza, os rexistros do IGE sinalan 62.964 variacións residenciais.
Fronte a estes datos, 46.600 persoas fixaron a súa residencia na Galiza ao longo de 2019, unha cifra que deixa un saldo migratorio externo positivo.