Carballeda de Valdeorras rexistra máis de 90 hectáreas calcinadas
Por volta das 14 horas do día de onte, rexistrábase no concello de Carballeda de Valdeorras un novo incendio forestal. En concreto, o fogo iniciouse na parroquia de Casaio e, segundo confirmou a Consellaría de Medio Rural, supera, ao fechamento desta edición, as 90 hectáreas calcinadas.
Este supón o segundo ano consecutivo que Carballeda sofre un incendio, xa que no mes de xuño do ano pasado viviuse un fogo que queimou máis de 10.000 hectáreas e que afectou varios concellos da comarca valdeorresa, como o Barco.
Incendios extinguidos, controlados e estabilizados
A Consellaría do Medio Rural deu por controlado onte ás 13.20 horas o incendio forestal declarado apenas dúas horas antes (sobre as 11.20 horas) no Parque Natural das Fragas do Eume, en concreto, na parroquia de Queixeiro, no municipio de Monfero. Segundo a información facilitada pola Xunta, a superficie afectada por este fogo é menor a unha hectárea.
Así mesmo, deu por extinguido ás 11.04 horas o incendio declarado na parroquia de Saiar, no concello de Caldas de Reis, que tamén afectara a localidade de Vilagarcía de Arousa. Segundo as estimacións provisionais, este fogo calcinou unhas 450 hectáreas.
Por outra parte, permanece estabilizado desde as 12.28 horas da segunda feira o incendio declarado a pasada quinta na parroquia de Cures, no municipio de Boiro, e que afectou tamén os concellos da Pobra do Caramiñal e Ribeira. Este incendio é o de maior superficie calcinada no mes de agosto no país, con 2.200 hectáreas ardidas.
Mentres, o de Verín, continúa controlado desde as 11.51 horas desta segunda feira. Neste incendio, que segundo a Xunta se iniciou en máis de dez focos diferentes, arderon unhas 600 hectáreas.
Finalmente, en Ponte Caldelas, tamén permanece controlado desde as 12.05 horas da segunda o fogo iniciado na parroquia de Xustáns, cunha superficie afectada dunhas 380 hectáreas.
"Ímolos coller"
O conselleiro de Medio Rural, José González, advertiu onte a "todos aqueles que, de modo intencionado, están a provocar incendios na Galiza". Asegurou que "temos maneiras de descubrilos, ímolos coller e caerá sobre eles todo o peso da lei".