Máis de 80 profesores universitarios esixen outra política forestal

Superficie de monte queimada en Melón. Foto: EFE/ Brais Lorenzo.

As causas dos incendios son complexas e as súas solucións "poden ser difíciles de aceptar por unha parte importante da poboación". É por iso que cómpre "un amplo consenso político e social". E unha mudanza radical das políticas públicas para o rural galego. Esta é a liña argumental do manifesto Por unha nova política para o rural galego, asinado por máis de 80 profesores e investigadores da Universidade de Santiago de Compostela.
 

Os asinantes afirman que, para dar resposta á pregunta "por que sufrimos vagas de lume de xeito recorrente", cómpre "unha reflexión colectiva". E que esta, en que deben participar habitantes do rural e do urbano, debe evitar "suposicións ou opinións difundidas en medios de comunicación". A tese do "terrorismo incendiario", ardentemente defendida por Alberto Núñez Feijóo no último pleno do Parlamento, é das máis vistosas. E das que menos ten a ver coa realidade dos acontecementos, segundo especialistas da xudicatura ou da universidade.

 

"A reflexión colectiva ten que se apoiar no coñecemento científico achegado desde múltiples fontes", sinala o documento, quen advirte de que os resultados dunha "nova política para o rural" só se notarán "a medio e longo prazo".

 

As persoas que refrendan o manifesto proceden de diversos ámbitos relacionados co problema dos incendios: agronomía, bioloxía, economía, historia, enxeñaría de montes, xeografía. E pechan o seu chamado cunha síntese dos eixes que, ao seu ver, deben centrar o proceso de reflexión colectiva que reclaman: a ordenación territorial, frear a perda de terras de usos agrarios, o cumprimento da lexislación vixente e a transformación do actual dispositivo de extinción.

 

Os docentes e investigadores promotores do texto amosan a súa disposición "para colaborar nun proceso de debate aberto e participativo e conseguir un modelo de xestión que permita superar a situación actual". De fondo, a procura de "novas oportunidades para o medio rural". A súa intención é, agora, que o manifesto teña certo percorrido e incidencia real, para o que prevén presentarllo aos grupos políticos con representación parlamentaria e abrilo ás outras universidades.