Máis de 80% dos casos de coronavirus no mundo non foron contabilizados, segundo un estudo matemático

O impacto da pandemia fixo caer os paradigmas económicos dominantes (Imaxe: Europa Press).
A Organización Mundial da Saúde (OMS) ten rexistrados 513.955.910 de casos desde o 1 de xaneiro de 2020 até o 6 de maio de 2022.

Modelos matemáticos desenvoltos polo Colexio Médico de Xeorxia, en Estados Unidos, concluíron que tan só se contabilizaron un de cada cinco casos de Covid-19 durante os primeiros 29 meses de pandemia.

A Organización Mundial da Saúde (OMS) ten rexistrados 513.955.910 de casos desde o 1 de xaneiro de 2020 até o 6 de maio de 2022, así como 6.190.349 mortes, cifras que xa fixeron que a Covid-19 sexa nunha das principais causas de morte nalgúns países, xusto por detrás das enfermidades cardíacas e o cancro.

Con todo, estes modelos matemáticos, cuxos resultados se publicaron na revista científica 'Current Science', indican un subrexistro xeral de casos que oscila entre 1 de cada 1,2 e 1 de cada 4,7. Esa infradeclaración tradúcese nunha estimación de entre 600 e 2.400 millóns de casos.

"Todos recoñecemos o enorme impacto en nós como individuos, como nación e como mundo, pero é moi probábel que o verdadeiro número de casos sexa moito maior do que cremos. Estamos a tratar de entender o alcance dos casos non declarados", comentou o doutor Arni S.R. Srinivasa Rao, director do Laboratorio de Teoría e Modelización Matemática da División de Enfermidades Infecciosas do Colexio Médico de Xeorxia.

Factores da infradeclaración

A ampla gama de casos estimados xerada polos seus modelos indica os problemas de exactitude das cifras notificadas, que inclúen a manipulación dos datos, a incapacidade de levar a cabo un seguimento preciso dos casos e a falta de uniformidade na forma de notificalos.

Estes modelos matemáticos utilizan calquera información dispoñíbel, así como factores relevantes como as taxas de transmisión global e o número de persoas no mundo, incluíndo a media da poboación durante o período de 29 meses. Esa media, denominada poboación efectiva, ten máis en conta as persoas que naceron e morreron por calquera motivo, polo que proporciona unha cifra máis realista das persoas que poderían estar infectadas.

"Hai que coñecer a verdadeira carga que soportan os pacientes e as súas familias, os hospitais e os coidadores, a economía e o goberno. Unhas cifras máis precisas tamén axudan a avaliar as implicacións indirectas, como o infradiagnóstico de trastornos neurolóxicos e mentais potencialmente prolongados que agora se sabe que están directamente asociados á infección", afirma Rao.

Outros factores que contribúen á infradeclaración son o feito de que todas as persoas que contraeron a Covid-19 non se someteron ás probas. Ademais, unha porcentaxe significativa de persoas, incluso as vacinadas e reforzadas, inféctanse máis dunha vez, e é posíbel que só acudan ao médico para someterse a unha PCR a primeira vez e que utilicen potencialmente probas caseiras ou mesmo ningunha proba para as enfermidades posteriores.