Día Mundial contra o cancro

Máis de 76% dos ensaios clínicos sobre cancro no Estado español son patrocinados pola industria

Investigación

Profesionais e asociacións de afectadas e afectados demandan maior compromiso das administracións públicas na investigación e innovación, un campo que non foi alleo aos recortes nestes anos da man da recesión.

O cancro é a segunda causa de mortalidade en Galiza, con 25 falecementos diarios, só superada polas doenzas cardiovasculares. En 2018 faleceron no noso país 8.551 persoas a causa desta doenza e foron diagnosticados 18.900 casos, segundo a Asociación española contra o cancro (AECC). Dados que testemuñan a presenza diaria, próxima, do cancro no día a día para moitos galegos e galegas e as súas familias.

 

A taxa de supervivencia global ao falarmos de cancro sitúase en 53% aos cinco anos. Na maioría dos cancros a mortalidade diminuíu ao longo destes anos, etapa na que tamén aumentaron os diagnósticos. Unha diminución que ten moito a ver cos esforzos que se fixeron e fan en investigación e innovación para combater a enfermidade. Así, por exemplo, a mortalidade no cancro de mama reduciuse nas últimas tres décadas en case 30%. Hai, tamén, outros factores a ter en conta, as oncólogas e oncólogos lembran que até 40% dos tumores poden previrse con hábitos de vida máis saudábeis; mais a investigación continúa a ser a ferramenta fundamental para facer fronte a unha doenza que na Galiza hai 2.700 persoas que a sofren en soidade, ao non viviren acompañadas.

 

Investigación implica falar de financiamento, de diñeiro. De 2007 a 2016 reduciuse de forma notábel o financiamento público no Estado español destinado a este cometido mentres noutros países da contorna aumentaban esas partidas en até 29%. É unha das conclusións que se recollen no primeiro informe sobre a investigación do cancro no Estado español, publicado en 2018 pola Asociación de investigación contra o cancro (Aseica), a AECC e a Fundación Bancaria.

 

Un completo documento no que se rexistra como 76% dos ensaios clínicos sobre cancro son patrocinados pola industria, unha porcentaxe sensibelmente superior á de países como Francia (onde é 49%), Reino Unido (65%), ou Holanda e Italia (56), por poñer tres exemplos. “A predominancia da industria na investigación clínica ten efectos no tipo de investigación que se realiza, moi centrada nos novos fármacos”, afirman os responsábeis do estudo. En 2009 e 2010 houbo esforzos por parte do sector público de promover ensaios clínicos independentes da industria, recoñecen, mais foi “un esforzo que rematou en 2012 por cuestións orzamentarias”, subliñan.

 

Nestes anos, en paralelo, foi en aumento o financiamento ‘filantrópico’ destinado a investigar contra o cancro: dos 9 millóns de 2007 a situarse en 2017 por riba dos 42 millóns de euros. No mesmo período no que houbo unha mingua no esforzo público, como lembran neste día asociacións e colectivos implicados na loita contra o cancro. Voces como a de Rafael López, xefe de Oncoloxía do CHUS, que na comisión de Sanidade do Parlamento galego lamentou o descenso de recursos en investigación, unha realidade que levan anos denunciando asociacións de persoas afectadas e de defensa da sanidade pública.