Máis de 60 organizacións piden unha moratoria na Galiza a novos parques eólicos

Parque eólico do Sobredo no concello de Arbo (Imaxe: Observatorio Eólico da Galiza).

Piden tamén un novo marco regulador para a enerxía eólica na Galiza no manifesto ‘Aldeas con horizonte’.

Uns 60 colectivos galegos do ámbito ecoloxista, sindical, veciñal, cultural, xunto con plataformas e comunidades de montes afectadas por parques eólicos na Galiza, impulsan o manifesto "Aldeas con Horizonte".

Neste documento demandan a moratoria de novos parques eólicos, a revisión dos xa aprobados nos que haxa conflito social e/ou ambiental e a elaboración dun novo marco normativo en materia eólica que promova no país “un modelo de implantacion desta enerxía máis ordenado, sostíble, social, participativo, xusto e racional”.

Galiza estase vendo sometida a un proceso de intensificación eólica sen precedentes, que resulta demoledor para o medio rural e os habitantes

Os colectivos asinantes indican que con este manifesto pretenden alertar sobre a ameaza “que está a supoñer para o rural galego a actual implantación de parques eólicos e que segue un modelo depredador e abusivo coas comunidades locais, ademais de desatender a normativa actual en materia ambiental, patrimonial e paisaxística”. O manifesto sinala un mínimo de 15 principios básicos que deberan guiar a nova normativa de desenvolvemento eólico en Galiza. 

“Galiza estase vendo sometida a un proceso de intensificación eólica sen precedentes, que resulta demoledor para o medio rural e os habitantes. O actual modelo de implantación da enerxía eólica en Galiza segue tendo como referencia principal un marco normativo e institucional desfasado, de finais dos anos 90, que favorece ao grande oligopolio enerxético fronte os dereitos das comunidades locais afectadas e o interese colectivo”, sinálase no documento.

“Unha normativa reforzada desde 2017 pola Lei galega de fomento da implantación de iniciativas empresariais (“Lei de Depredación”) que permite axilizar a tramitación e posta en marcha dos novos proxectos eólicos restrinxindo a participación pública e outorgándolle ás empresas dereitos de usurpación das terras”, indican.

“Malia a superarmos os 100 concellos con parques eólicos, ter máis de 4000 aeroxeradores instalados nos nosos montes e representar case o 15% de toda a potencia eólica instalada no Estado (aínda que Galiza só representa o 5,8% da superficie estatal), o pobo galego parece condenado a seguir producindo enerxía eólica de forma irracional e ata o infinito”.

Entre as organizacións e entidades asinantes está Adega, Rede Galega por un Rural Vivo, Verdegaia, Organización Galega de Comunidades de Montes Veciñais en Man Común, Cousa de Raíces, Asociación Parques Eólicos Outes-Mazaricos, Véspera de Nada, Asociación pola Defensa da Ría, Coordinadora para o Estudo de Mamíferos Mariños, Salvemos O iribio ou Plataforma pola Protección da Serra do Galiñeiro; e así até sesenta.