Máis de 500.000 persoas están en risco de pobreza
O informe O estado da pobreza en Galicia, realizado pola Rede de Loita contra a Pobreza e a Exclusión Social na Galiza (EAPN) , recoñece que máis de 509.000 galegos e galegas estiveron risco de pobreza en 2024, o 18,8% da poboación do país. As cifras contemplan unha baixada con respecto ás rexistradas en 2023, 6,7 puntos menos.
Os datos foron presentados esta sexta feira no Parlamento galego pola presidenta da EAPN, Ana Pardo Fernández, e o director da asociación, Xosé Cuns, nun acto decorrido no hemiciclo galego con motivo do Día Internacional para a Erradicación da Pobreza que contou coa presenza do presidente da Cámara galega, Miguel Ángel Santalices, e da Valedora do Pobo, María Dolores Fernández Galiño. Cuns quixo aproveitar a ocasión para pedir non caer en "mensaxes triunfalistas" malia a baixada.
A taxa de pobreza redúcese e pasa do 19,4% en 2023 a 14,2% en 2024, baixando tamén a taxa da pobreza severa, aínda que menos. A pesar de que a maioría dos elementos que compoñen este indicador baixan, os responsábeis mostráronse "especialmente" preocupados polas elevadas taxas de persoas que non se poden permitir manter a vivenda a unha temperatura adecuada, un total de 16,6% das galegas e galegos, ou quen non teñen capacidade de afrontar gastos imprevistos, 26,8% do total da poboación.
A fenda de xénero continúa estando presente na taxa da pobreza: mentres que 151.000 homes están en risco de pobreza, case 178.000 mulleres están en risco de exclusión, 27.000 máis. Os datos mostran tamén que a discapacidade é un factor chave para a pobreza: a taxa é de 28,7% fronte a 15,8% da porcentaxe de persoas sen ningún tipo de discapacidade.
O estudo apunta que o acceso a vivenda, concretamente o aluguer, é outro factor de empobrecemento. A poboación que vive de aluguer ten unha taxa de pobreza de 36,1%, fronte ao 14,8% dos propietarios e propietarias.
Aliás, as persoas en situación de pobreza destinan 33,2% dos seus ingresos á vivenda, e 22,6% delas vense obrigados a dedicar máis do 40% da súa renda a gastos do fogar. Este dato mostra a suba dos prezos de aluguer no país, afectando principalmente a clase obreira e a poboación en situación de pobreza. Tamén demostra a dificultade do acceso á vivenda para a mocidade, imposibilitando a súa emancipación e os seus proxectos de vida.
