Máis de 50.000 sinaturas apoian a ILP para a reforma da Atención Primaria impulsada por SOS Sanidade

Representantes de SOS Sanidade Pública entregan no Parlamento máis de 50.000 sinaturas en defensa da Atención Primaria. (Foto: Arxina).
A Inicaitiva Lexislativa Popular en defensa da sanidade e da primaria logra, segundo os seus promotores, "o maior apoio da historia da democracia da Galiza".

A plataforma SOS Sanidade Pública entregou onte no rexistro do Parlamento da Galiza máis de 50.000 sinaturas que apoian a Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) en defensa da sanidade e de apoio á Atención Primaria.

"É a ILP que máis apoio tivo da historia da democracia na Galiza", resumiu en declaracións a Nós Diario Manuel Martín, voceiro da plataforma. Acompañado de varios membros da entidade, integrada por sindicatos, os grupos políticos da oposición e diversos colectivos sociais e profesionais, Martín presentou na Cámara galega tres caixas coas sinaturas recompiladas durante os últimos meses, unha semana antes de que finalice o prazo para recoller máis apoios, que sumarán aos achegados onte, e a cinco días da manifestación nacional en defensa e mellora da sanidade pública galega convocada este domingo en Compostela.

"É unha iniciativa que responde á situación dramática na que se encontra a Atención Primaria e que amosa o rexeitamento da poboación a esta situación inaceptábel que dificulta o acceso á asistencia sanitaria dunha maneira moi importante".

Manuel Martín agradeceu a colaboración da trintena de concellos que fixeron público o seu apoio á ILP tanto "en plenos municipais como a través de documentos concretos", así como de gran parte das xuntas de persoal dos hospitais da Galiza e do case medio cento de plataformas locais "que aínda estes días seguen a reivindicar os dereitos sanitarios da súa veciñanza coa convocatoria de mobilizacións multitudinarias".

Atención integral

Martín non advirte fisuras no movemento social que acompaña a ILP impulsada por SOS Sanidade Pública para o seu debate no Parlamento galego. "Parece que o Goberno do PP non está moi de acordo coa iniciativa pero son motísimas sinaturas as que avalan a súa tramitación na Cámara ─o mínimo exixido son 10.000─ e a manifestación do día 12 serán tan masiva que lle vai custar moito traballo rexeitar as propostas que recolle a iniciativa".

Segundo defende, pódense por en práctica de forma inmediata e "suporían un alivio á situación actual da Atención Primaria". Asegura que o primeiro que necesita este nivel é un maior orzamento, o dobre do pouco máis de 14% do gasto sanitario que recibe na actualidade, mais a ILP non permite propor "medidas que supoñan un incremento do orzamento".

É por iso que non figura na súa proposta, "pero pomos enriba da mesa a necesidade de que a atención sanitaria sexa esencialmente presencial, a necesidade de adecuar os cadros de persoal médico e de enfermaría á demanda asistencial e a necesidade de incorporar outros perfís profesionais como o de psicólogo clínico, fisioterapeuta, logopeda ou traballadora social", porque moitas das consultas que chegan non son médicas, senón que responden a outros problemas que a actual organización dos servizos de primaria non permiten resolver con eficacia, afirma Manuel Martín.

"Con esta ILP non só pretendemos recuperar o recortado, tamén queremos cambiar o modelo para que responda aos criterios de universalidade, promoción, prevención e traballo comunitario, coa participación da poboación e do persoal sanitario cara a unha atención integral", conclúe.

12-F, "un clamor social"

"Non temos unha bola de cristal, pero este domingo esperamos miles e miles de persoas". SOS Sanidade Pública chama a mobilizarse este 12-F pola mellora da atención sanitaria. A cita, ás 12 horas na Alameda de Compostela. "Desde os concellos están a coordinar a saída de ducias de autobuses. Hai moita demanda, polo tanto é de supor unha enorme participación social" que servirá, advirte Martín, de contestación á única resposta do Goberno da Xunta. 
"O Conselleiro de Sanidade acusou a plataforma de partidismo e politización. E si, propomos políticas sanitarias, mais non partidarias. Aquí, mesmo os propios votantes do PP teñen a necesidade de cambiar a situación", afirma.  "Por iso non é só unha manifestación ou unha iniciativa, é un clamor social da Galiza para mudar a Atención Primaria".