Máis de 15.000 sinaturas por un sistema público de servizos de atención ás persoas

A delegación da CIG unha vez rexistradas as sinaturas (Foto: Nós Diario)

A CIG rexistrou no Parlamento as sinaturas da iniciativa popular coa que defenden unha rede de xestión pública que englobe residencias, centros de día ou servizos de axuda ao fogar. “Esperamos que o PP rache a súa tradición de negar a tomar en consideración das iniciativas da CIG”.

A pandemia do coronavirus tensionou até o extremo os servizos públicos, evidenciando as carencias en persoal e material, a precariedade ou falta de protocolos. Unha resposta a esta situación é a que a CIG  puxo en marcha en novembro pasado, coa iniciativa popular para lograr un sistema público galego de servizos de atención as persoas.

A CIG rexistrou esta quinta feira no Parlamento as sinaturas recollidas nestas semanas en apoio a esta iniciativa. Máis de 15.000 sinaturas – 15.199-, seis veces máis das necesarias. O secretario xeral do sindicato nacionalista, Paulo Carril, incidiu na importancia dunha “xestión pública” polo Goberno galego de “todos os servizos” de atención ás persoas.

A Covid, sinalou, “evidenciou” a situación existente en moitos destes servizos por parte de empresas privadas e fondos de investimento que o que procura, denunciou, é “un festín de beneficios a costa da nosa saúde”.

A proposta dun Sistema Público Galego de Servizos de Atención ás Persoas, integrado por unha única rede pública, contempla a prestación dos seguintes servizos: Centros asistenciais e residenciais da terceira idade, Centros de día,  Centros de atención á diversidade, Servizos de Axuda no Fogar e outros recursos (Casas Niño, Casas do Maior, Xantar na Casa, Transporte Adaptado...).

Condicións de traballo

A iniciativa, dixo o responsábel da CIG, procura uns mellores servizos para as persoas usuarias mais tamén “dignificar as condición de traballo”, alertando da “precariedade” laboral existente no persoal de residencias privadas ou servizo de axuda ao fogar. Un emprego, aliás, no que as mulleres son maioría. “A pandemia tamén provocou que se traspasase moitas das tarefa de coidados ás mulleres, que tiveron que cubrir esas tarefas”.

Esta propostas que agora, unha vez que sexan validadas as sinaturas, poderá ser asumida por calquera grupo parlamentar para levala a pleno ou comisión, tamén queren garantir unha cobertura territorial aos servizos de atención. “Non pode ser que dependendo do concello que sexa un veciño poida ter ou non uns servizos”, dixo Carril.

“Preocúpannos as políticas do PP”

Paulo Carril incidiu na “preocupación” das políticas desenvolvidas polo PPdeG nesta década a respecto da sanidade ou os servizos públicos e que son “contrarias” a propostas como as contempladas na iniciativa.

Porén, Carril emprazou o Partido Popular a “rachar” coa súa tradición de “se negar a que se tomen en consideración” as iniciativas impulsadas pola CIG e que chegan ao Parlamento galego, como a de rescatar para o público os saltos e aproveitamentos hidroeléctricos.