Máis de 5.600 sinaturas piden mellorar as condicións dos docentes no ensino concertado

Por volta de 200 delegados dos sindicatos con representación no ensino concertado (CIG; FSIE, FeSP-UGT, CCOO Ensino e FEUSO) concentráronse esta cuarta feira ante a Consellería de Educación e entregaron por rexistro 5.620 sinaturas recollidas entre o persoal docente para esixir unha negociación sobre as súas condicións laborais. Ademais, fixeron entrega dun escrito solicitándolle unha reunión ao conselleiro de Educación coa finalidade de desatascar o inmobilismo do seu departamento e de buscar solucións para o sector.

 

A inicios de mes solicitouse da Consellería a convocatoria da Comisión Tripartita do Ensino Privado Concertado (CTEPC) mais non houbo resposta. “Por iso, os sindicatos volven á rúa para facer escoitar as peticións dos máis de 7.000 traballadores e traballadoras deste sector en Galiza, que levan 8 anos perdendo salario e dereitos”.