As e os 7.000 traballadores do ensino concertado na Galiza suman 8 anos de perdas salariais e de dereitos

Os sindicatos retoman as accións de protesta perante a ausencia de resposta da administración perante as demandas deste profesorado.

Os sindicatos con representación no ensino concertado en Galiza retomaron esta cuarta feira os protestos para denunciar que os 7.000 traballadores e traballadoras deste sector levan 8 anos a perderen salario e dereitos.

 

Desde a reunión co conselleiro do pasado día 5 de decembro non houbo resposta algunha por parte da administración ás demandas presentadas daquela, informan desde a CIG, unha das centrais representativas canda FSIE, UGT, CCOO Ensino, FEUSO.

 

Liberados e liberadas sindicais concentráronse diante da Consellería e, por rexistro, solicitaron a convocatoria da Comisión Tripartita do Ensino Privado Concertado (CTEPC). Aliás, hai en marcha unha campaña de recollida de sinaturas co lema “Negociación na concertada, xa!”, firmas que serán entregadas o vindeiro día 25 de abril, data na que se realizará unha concentración de delegadas e delegados da concertada diante da Consellería. De non haber avanzos, os sindicatos non desbotan accións “máis contundentes”

 

O Acordo de Mantemento de Emprego (AME) é unha das prioridades para os representantes sindicais, sendo que “non temos AME dende o ano 2009, e a perda de unidades suporá un maior paro”. A maiores, recordan os recortes salariais soportados por este colectivo nos últimos anos, consolidados en nómina e que aínda non se recuperaron, ben como a paga extraordinaria de antigüidade dos 25 anos, que non se devenga dende 2010, “sendo Galiza a única comunidade autónoma do Estado que non paga a PEA, dereito recoñecido por xurisprudencia reiterada”.

 

O representante da CIG-Ensino, Henrique García, criticou a actitude "inmobillista e rácana" da Consellaría. Lembrou que nos últimos 8 anos este colectivo perdeu un mínimo de 19.000 euros por persoa en conceito de salarios, o que leva a que estea a 93% de equiparación salarial cos empregados e empregadas da pública.