Máis de 5.000 sinaturas en apoio ás educadoras sociais

[Imaxe: cedida] Imaxe da campaña de recollida de sinaturas que desenvolve o Colexio de educadoras e educadores sociais de Galiza
O Colexio de Educadoras Sociais de Galiza vén de superar as 5.000 sinaturas de apoio á súa petición do recoñecemento desta especialidade por parte da Xunta, dirixida ao director xeral da Función Pública a través da plataforma change.org.

A campaña, que nesta quinta feira acadou as 5.045 sinaturas, súmase ás mobilizacións iniciadas hai dez días para protestar contra exclusión da categoría específica de ‘educadora social’ na oferta pública de emprego da Xunta, que, segundo indican desde o ente colexial, si inclúe 86 postos de ‘educador/a’. Segundo consideran as e os profesionais, esta categoría é “anacrónica e discriminatoria”, dado que a titulación académica de Educación Social está no sistema universitario galego desde os anos noventa.

As educadoras sociais reclaman que a convocatoria que está a piques de se publicar recolla como único requisito académico de acceso a titulación universitaria de ‘educación social’ (diplomatura ou grao) ou habilitación profesional como educador/a social e, igualmente, piden a modificación da Lei de emprego público para que substitúa a denominación  ‘educador/a’ pola de ‘educador/a social’. “Reclamamos que a Xunta de Galiza sexa coherente coa realidade académica e profesional, como xeito de asegurar non só os dereitos das persoas tituladas en Educación Social no seu acceso e permanencia no mercado laboral senón tamén os do conxunto da cidadanía, ao garantir actuacións e servizos de calidade prestados polas profesionais idóneas”, expón a petición. Polo momento, as súas demandas non tiveron resposta ningunha por parte da Xunta, segundo confirma a secretaria do Colexio, Rocío Núñez.

Desde o ente colexial subliñan, ademais, que a Educación Social é unha profesión “que diariamente se esforza e traballa para que se garantan os dereitos e a calidade de vida das persoas”. “É necesario que desde a administración pública se contribúa a este traballo a través do debido recoñecemento á profesión de Educación Social, apostando por unha atención interdisciplinar como garantía de calidade nos servizos socioeducativos especializados, así como deixando de fomentar o intrusismo profesional”, recolle a petición.