A Educación Social saca á rúa a "discriminación" da Xunta

[Imaxe: Colexio de Educación Social] Membros do Colexio, nunha xuntanza de traballo

O Colexio de Educadoras e Educadores Sociais da Galiza convoca para esta segunda feira, día 14, unha mobilización contra a exclusión, na oferta pública de emprego da Xunta, da categoría específica de ‘educadora social’, unha decisión que este sector profesional considera “unha discriminación e un anacronismo”, en tanto que o título académico leva máis de 30 anos, desde 1996, no sistema universitario galego. As convocatorias terán lugar, ás 19 horas, en Compostela, Ourense e A Coruña, as tres cidades que contan con facultades de Educación Social. 

Nunha campaña que se presenta baixo o lema #SomosEducaciónSocial, o Colexio convoca tanto a profesionais como alumnado e cidadanía en defensa dun servizos públicos de calidade. Porque, como expón a secretaria do ente colexial galego, Rocío Núñez, as persoas usuarias dos servizos sociais “teñen dereito a contar con profesionais especializadas na intervención educativa e a recibir unha atención integral, con equipos interdisciplinares”.

“A educacións social é un dereito da cidadanía e, como tal, a Xunta debe garantilo”, advirte a portavoz do Colexio, que defende a formación específica que ten esta especialidade, tanto pedagóxica como de intervención, para os campos aos que se dirixe a oferta pública de emprego de forma maioritaria, como son os centros de menores, os de atención a persoas con diversidade funcional ou os centros de educación especial. 

"Isto é discriminatorio"

O conflito que leva ao Colexio a saír á rúa “por primeira vez” xorde a raíz da publicación,  hai escasas dúas semanas, do borrador da oferta pública de emprego da Xunta 2017/2018. “Malia que a titulación está implantada na Galiza desde 1996, a súa relación de postos de traballo non recolle esta categoría”, expón Núñez, que indica que a especialidade que recolle, dentro dos Servizos Sociais, é a de ‘educador’, de xeito que cando se convocan prazas poden optar a elas diversas titulación que van desde a Pedagoxía, Psicopedagoxía, Psicoloxía ou Educación Social, entre outras. “Isto é discriminatorio, xa que non acontece co resto de profesións, que si teñen a súa categoría e os seus procesos selectivos específicos”, denuncia.

“O borrador non recolleu ningunha das nosas peticións, non nos fixeron caso en nada”, lamenta a representante do Colexio

A situación foille trasladada á Conselleira de Política Social, a dirección xeral de Función Pública e o vicepresidente da Xunta nunha xuntanza na que solicitaron a extinción do posto de ‘educador/a’ e a súa substitución polo de ‘educador/a social’ e, con relación ás convocatorias de emprego público, que a oferta de prazas de acceso libre e promoción interna sexa, en exclusiva, para profesionais da Educación Social.

“O borrador non recolleu ningunha das nosas peticións, non nos fixeron caso en nada”, lamenta a representante do Colexio galego, que ten presentadas alegacións, tanto ao borrador da oferta pública de emprego como ao da Lei de Emprego Público que, segundo entenden as profesionais, abre a posibilidade de extinguie a categoría existente, hoxe “obsoleta”, e substituíla pola ‘educador/a social’. “Será a primeira vez que saímos á rúa pero entendemos que este é o momento –razoa Núñez– porque senón actuamos corremos o risco de que esta disfunción se perpetúe moitísimos anos”.