Máis de 500 crianzas sen pediatra: A veciñanza da Caniza e Crecente leva 23 semanas mobilizándose contra a falta de persoal sanitario
A situación sanitaria na Caniza (A Paradanta) segue a ser crítica. Segundo denuncia a veciñanza, o centro de saúde leva 77 días sen pediatra. Esta carencia afecta directamente máis de 500 nenas e nenos da Caniza e Crecente, que fican sen a atención pediátrica básica.
A veciñanza comezou a mobilizarse o 15 de abril, cando se fixo evidente a falta de profesionais de Pediatría. Desde entón, cada segunda feira organizan concentracións diante do centro de saúde. Coa protesta deste 15 de setembro, son xa 23 semanas consecutivas de mobilizacións que visibilizan a precariedade da Atención Primaria.
As mobilizacións contan cun amplo apoio social. Familias, profesionais sanitarios e colectivos en defensa da sanidade pública sumáronse ao berro común por unha atención sanitaria "digna". A mensaxe "Pediatra na Caniza xa!" repítese nas pancartas e nos cánticos semana tras semana, co obxectivo de presionar a Consellaría de Sanidade.
A veciñanza chama a participar masivamente das mobilizacións para exixir unha solución urxente porque "coa saúde non se xoga".
Un problema estrutural
A falta de pediatras na Caniza non é un caso illado. En toda Galiza, especialmente no rural, os centros de saúde sofren a escaseza de profesionais e a sobrecarga de traballo. O colectivo SOS Sanidade Pública leva anos advertindo de que a política de recortes e privatizacións da Xunta da Galiza está a deteriorar a Atención Primaria e deixando a poboación sen a cobertura axeitada.
Para as familias da Caniza e Crecente, o problema tradúcese en ter que desprazarse a outros municipios para consultas de Pediatría ou, directamente, en non recibir a atención especializada que precisan os seus fillos e fillas.
