Máis de 50 doentes amoreados no Chuac á espera dunha cama

Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (Chuac). (Foto: Nós Diario)
A CIG denuncia o 'colapso' no servizo de urxencias

A CIG Saúde denunciou a situación de "colapso total" do servizo de urxencias do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (Chuac) con "máis de 50 persoas enfermas que á primeira hora da mañá [por esta terza feira] se atopaban pendentes de cama neste servizo". 

A secretaria comarcal da CIG Saúde da Coruña, María Formoso, define o estado do servizo como consecuencia dun "efecto dominó" e asegura que o colapso leva producíndose na última semana. 

"A Atención Primaria vai mal porque non hai médicos, porque hai que agardar tres semanas por unha cita. Os doentes acoden entón ao hospital e é cando colapsa o servizo", explicou Formoso en declaracións a Nós Diario.

Ademais, desde a CIG indican que o resto de instalacións do hospital están nunha situación "deplorábel", coas plantas de hospitalización deseñadas para atender dúas persoas enfermas por habitación convertidas en "habitacións triplas" con pacientes, familiares e persoal sanitario traballando nun espazo "reducido". 

Formoso advertiu da "falta de recursos" destinados á Sanidade. "Debido a unha falta de previsión por parte da Administración, que ademais de non pór reforzos nas categorías nas que hai persoal dispoñíbel para a súa contratación, non emprega os recursos que posúe en tempo axeitado", argumentou. 

Para a CIG, isto supón que as e os profesionais de todas as categorías do hospital "se vexan desbordados polo incremento do traballo, sendo os reforzos, na maioría dos casos, inexistentes". A secretaria comarcal sinalou que "o aumento de pacientes non só afecta á atención directa que reciben os propios pacientes, senón tamén ao persoal administrativo, ao de cociña, ao de limpeza, de lavandaría...".  

A xerencia admite unha demanda 'moi alta'

A xerencia da área sanitaria da Coruña e Cee recoñeceu que a demanda asistencial nestes momentos é "moi alta", superando no que vai de mes as 460 atencións diarias de media e reiterou que "o hospital mantén operativo o 100% dos recursos dos que dispón", indicaron desde a xerencia. Porén, Formoso insistiu en que o persoal contratado é "insuficiente para a demanda da poboación que vive na Coruña".