Máis de 48 horas á espera de poder pasar a planta. Esta é a denuncia dun novo colapso no CHUS

Imaxe do colapso no CHUS (Foto: Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS).
Desde a Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS, resaltan que as situacións de colapso como a que se viviu no CHUS son debidas, en gran medida, á falta de persoal.

A Asociación de Pacientes e Usuarios do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) tivo coñecemento dun novo colapso dos servizos de urxencias o pasado día 7 de xaneiro.

Desde a asociación comparten o testemuño da filla de A.G.T., un dos pacientes que desde ese día permaneceu no servizo até ás 18 horas do día 9.

“O pasado sábado 7 de xaneiro meu pai chegou a urxencias en ambulancia por perda de coñecemento. A hora de chegada foi arredor das 5 da tarde, permanecendo colocado nunha padiola no corredor de acceso 3 horas e media até poder pasar a un box. O dia 9 de xaneiro, pasamos a planta despois de estar nun box mais de 48 horas.”

“Ao igual que A.G.T. todos os pacientes que chegan en busca de atención urxente, sistematicamente e como norma non escrita, son colocados nos corredores de acceso a pesar de que son coñecedores de que a valedora do pobo da Galiza manifestou por escrito que é unha práctica que vulnera o dereito fundamental a intimidade e a dignidade”, inciden desde a asociación.

"Esta segunda feira A.G.T. permaneceu nun box mais de 48 horas, a pesar de que as normas e recomendacións do Ministerio de Sanidade indican que un paciente que non está en observación non debe permanecer mais de 4 horas no servizo", acrecentan.

Falta de persoal

Desde a Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS, resaltan que estas situacións son debidas, en gran medida, á falta de persoal: "Resulta intolerábel que unha unidade que mantén niveis tan baixos de eficiencia asistencial e que non preserva os dereitos fundamentais dos pacientes, teña padiolas en boxes sen empregar por non ter persoal sanitario asignado, ou que siga con demoras superiores ás 24 horas na sala de observación porque non se poñen en funcionamento todas as camas hospitalarias dispoñíbeis".

A Asociación é coñecedora de que a proporción de pacientes por médico de urxencias "está chegando a ser de 18 cando, de acordo cos estándares de calidade, a partir de 11 pacientes por médico a carga de traballo é inabordábel para o persoal sanitario producíndose una minoración na calidade na atención e un aumento do índice erros".