Máis de 46.000 persoas en lista de espera cirúrxica na Galiza, cunha taxa que supera a media do Estado

Enfermeira no quirófano

A taxa media de habitantes nesta lista de agarda é de 16 por cada 1.000 habitantes no Estado mentres que na Galiza sube até os 17,7.

A sanidade pública alcanza no Estado o seu máximo histórico de pacientes en lista de espera para unha intervención cirúrxica non urxente no conxunto do Sistema Nacional de Saúde con 742.518 pacientes, até 81.356 persoas máis que hai un ano (10,96%), segundo o último informe do Sistema Nacional de Saúde (SNS), que sitúa o tempo medio de espera en 113 días, 8 menos que hai un ano.

A taxa media de habitantes en lista de espera cirúrxica por cada 1.000 habitantes sitúase en 16,09 no conxunto do Estado español. . Por territorios, a Galiza sitúase por riba da media, con 17,76 hab por cada 1.000 (un total 46.553 persoas en espera nestas listaxes.

A espera media por unha intervención cirúrxica moderouse na Galiza durante o primeiro semestre do ano, de forma que se situou nos 75,3 días, se se ten en conta Povisa, e nos 75,6 días excluído este hospital de concerto especial.

Isto supón baixar a media de agarda uns cinco días a respecto do remate de 2021, mais continúa disparada en comparanza cos rexistros de antes da pandemia, xa que cando finalizou 2019 a espera media por unha operación no país era de 54,5 días.

A Consellaría de Sanidade evitou difundir estes datos parciais do ano e explicou que agora se fai balance "unha vez ao ano", aínda que era habitual facelo cada seis meses e, en lexislaturas pasadas, mesmo se publicaban cada tres meses, isto é, catro veces ao ano.