43% da redución das listas de espera de dependencia débese á morte da persoa

Un estudo de directores e xerentes de Servizos Sociais suspende o sistema de dependencia da Xunta da Galiza.

O sistema de dependencia na Galiza recibe o suspenso da Asociación Estatal de Directores e Xerentes de Servizos Sociais na súa análise sobre os modelos de cobertura e xestión da dependencia nas diferentes comunidades. Mentres a media de todos os territorios recibe un aprobado (5,1), a Galiza fica en 4,4, a súa peor nota desde que hai rexistros (2008) agás nos anos 2014 e 2015. 

Este suspenso sobre o papel é consecuencia dunhas circunstancias e situacións que teñen impacto no día a día das miles de persoas dependentes que hai no país. O mencionado informe, Ditame do Observatorio Estatal de Dependencia 2022, recolle que en 2021 faleceron 470 persoas na Galiza estando na lista de espera de dependencia, sen ser atendidas. Delas, 395 xa viran recoñecido o seu dereito a recibir unha prestación. No entanto, aínda non viran efectuados os primeiros pagos das axudas. As outras 75 estaban a agardar pola resolución de grado.

Estes falecementos, de feito, están na explicación da redución das listas de espera na Galiza en 2021, que baixaron en 18%, por riba da media estatal. "Das 905 persoas que abandonaron a lista de espera de resolución de prestación, 43,65% fixérono como consecuencia do falecemento da persoa e non pola xestión da comunidade autónoma", recolle o informe.

Malos rexistros

Outro dato para a preocupación é que na Galiza hai 9.298 persoas cuxas solicitudes para a dependencia foron realizadas mais non rexistradas, o que ten como consecuencia que non están nas listas, fican fóra das estatísticas. Son unha de cada catro persoas que están nesta situación no conxunto do Estado español, onde o total é de 34.189.

En 2021 o número de novos dependentes atendidos na Galiza aumentou en 2.517 persoas, o que supón un incremento de 4%, porcentaxe que é menos da metade da suba que nese mesmo ano houbo no Estado español, que foi de 8,7%. 

Nesta mesma liña, eses 12 meses houbo un aumento nas valoracións de 504 persoas, o que representa un máis que discreto 0,6% de incremento a respecto do ano anterior, cando no conxunto do Estado esa suba de 2020 a 2021 foi superior a 4%, case oito veces máis. 

A Galiza é tamén o territorio que menos prazas residencias para dependencia recupera desde a pandemia, -1.154. Ao tempo, o SAD (servizo de axuda e apoio domiciliario) atende máis de 24.600 dependentes.

A media de gasto público por persoa dependente na Galiza situouse en 5.824,3 euros, polo que continúa por baixo da media no Estado, que é de 6.026 euros unha diferenza de -201,7 euros dependente/ano, e un diferencial de -3,3%. 

De igual forma, o gasto público por poboación potencialmente dependente é de 896 euros fronte aos 1.122 euros no Estado. A Galiza é o quinto territorio con peor rexistro.

Taxa de cobertura

A resultas disto, a taxa de cobertura de dependencia sitúase na Galiza en 24,10 PIAS —programas individualizados de atención— por cada 1.000 habitantes, 7% inferior á media estatal.