Sanidade pública

As listas e tempos de espera dispáranse: máis de 430 días para unha operación de cataratas na área de Ferrol

Hospital Juan Cardona de Ferrol, propiedade do grupo Ribera, que mantén un concerto co Sergas. (Foto: Europa Press).

Unha cuestión son os tempos de agarda recoñecidos oficialmente pola Xunta da Galiza e outra os tempos reais. Un cidadán da comarca de Ferrol relata a Nós Diario os seus 430 días de espera nas listas do Sergas para operarse de cataratas. O seu caso non representa ningunha excepción.

M. L. é un veciño de Ferrol que tivo que agardar máis de 430 días por unha operación de cataratas. O paciente, que foi operado a semana pasada, sinala a Nós Diario que o Servizo Galego de Saúde (Sergas) lle propuxo realizar a cirurxía no hospital privado Juan Cardona e que, cando se negou, desapareceu das listas de agarda. Neste sentido, sinala que desbotou operarse na sanidade privada porque a pública lle ofrece máis garantías e seguridade.

O caso de M. L. non é unha excepción na área sanitaria de Ferrol. Segundo explica a este xornal, “o tempo medio de espera para unha operación de cataratas en Ferrol sitúase entre catro e seis mes”, pero indica que “coñezo máis casos coma o meu, onde se superan os máximos legais fixados pola Xunta da Galiza para unha operación”. Neste sentido, destaca que “hai cando menos sete coñecidos meus na área sanitaria de Ferrol que levan máis de un ano esperando por unha operación de cataratas por negarse a acudir a un centro privado”.

A situación de Ferrol repítese noutras áreas sanitarias galegas. Así, por exemplo, en febreiro de 2022, a Asociación de Pacientes e Usuarios do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) denunciaba que A. V. P. agardou en Compostela 813 días para unha intervención cirúrxica de Uroloxía. Neste caso, o paciente entrou na lista de espera o 12 de novembro de 2019 e non foi operado até o 2 de febreiro de 2022. Na mesma dirección, M. M. R., un doente que precisaba dunha operación de columna a causa dunha escoliose diagnosticada, tivo que esperar máis de 399 días para poder ser intervido no CHUS.

A Xunta da Galiza sinalaba en xuño de 2023, último mes con datos, que 47.046 persoas agardaban por una cirurxía, sendo o tempo medio de agarda de 66 días. Neste sentido, a cifra de galegas e galegos en espera dunha operación era superior en 640 á de 2022 e en 10.046 persoas á de hai unha década. O período de agarda era moi superior a 66 días en especialidades como, entre outras, Neurocirurxía, con 91 días, Cirurxía Pediátrica, con 86, Traumatoloxía, con 76, e Oftalmoloxía, con 80.

Uns datos en cuestión

Os datos das listas de agarda fornecidos polo Goberno galego son cuestionados desde diferentes sectores da comunidade sanitaria, moi particularmente polos colectivos en defensa da sanidade pública. Sen ir máis lonxe, o Defensor do Paciente alertaba na súa memoria de 2023 que “cada comunidade computa e maquilla os números ao seu gusto” e apuntaba que “o reconto das listas de espera é totalmente irreal, xa que para a súa correcta interpretación debería ser a suma do tempo desde que o afectado vai a primeira consulta até que o operan”.

A maiores destas listas de agarda, que o Sergas fai públicas, atópanse as denominadas listas de agarda non estruturais, cuxo número de integrantes e tempos de espera se descoñecen. A este respecto, o médico internista do hospital da Mariña, en Burela, Iago Villamil explica a Nós Diario que “na coñecida como lista de agarda non estrutural, as persoas esperan o tempo que faga falta para que lle cadren os tempos. Hai xente que bota anos na lista non estrutural, polo que as cifras fornecidas de agarda pola Xunta da Galiza non teñen ningunha credibilidade”.

As autoridades sanitarias téñense negado a facer públicas as cifras das persoas que fan parte da lista de agarda non estrutural. Só forneceron estes datos en 2009, en resposta a unha petición do Consello de Contas, cando o número de integrantes das listas de agarda estrutural se situaban en 39.170 homes e mulleres e os das listas de agarda non estrutural en 16.947, isto é 34,5% do total de pacientes en espera dunha cirurxía. Neste sentido, o presidente da Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS, Fernando Abraldes, sinala a Nós Diario que “como mínimo o número de doentes incorporados hoxe ás listas non estruturais está na mesma porcentaxe que en 2009, o que significarían máis de 20.600 persoas”.

 A estimación da radióloga do Complexo Hospitalario de Pontevedra e activista da Asociación Galega en Defensa da Sanidade Pública (Agdps), Luisa Lores, vai na mesma dirección. A este respecto, sinala a Nós Diario que “as listas de agarda non son transparentes e non están ben xestionadas. A sanidade privada vive das listas de espera da pública e moitos dos que as xestionan son os xefes de servizo dos hospitais públicos, que compatibilizan actividade na privada. Neste punto, lembra un estudo de SOS Sanidade Pública en 2019 que situaba en "17.000 ou 18.000" as persoas en listas de garda non estruturais na área sanitaria de Vigo.

As listas non estruturais

O trato ofrecido polo Sergas a doentes incorporados ás listas non estruturais foi denunciado pola Valedora do Pobo. Dolores Fernández Galiño alertaba no seu informe de 2020 da “particular situación daqueles doentes que, estando na lista de agarda estrutural para ser intervidos dunha patoloxía, xeralmente con prioridade tres, rexeitaban a oferta dun centro concertado”.

Fernández Galiño desvelaba no seu relatorio que “estes doentes -ao rexeitar o centro privado- pasaban a formar parte dunha lista de espera diferente, coñecida como 'lista de espera non estrutural' na que non resultaba de aplicación o tempo de espera máximo estipulado legalmente para a realización da devandita cirurxía".

 

A Deputación de Lugo apoia a marcha do domingo en defensa da sanidade

A mobilización en defensa da sanidade publica convocada para este domingo, 4 de febreiro, en Santiago de Compostela segue sumando apoios. O pleno da Deputación de Lugo desenvolvido na mañá de onte aprobou unha declaración de apoio á marcha cos votos favorábeis do BNG e do PSdeG.

O voceiro nacionalista, Daniel García, explicou o voto da súa formación sinalando que “por primeira vez, as galegas e galegos temos que agardar durante semanas para poder ver a nosa médica ou médico de cabeceira e as nenas e nenos en seis de cada 10 concellos non teñen pediatra". Na mesma liña, expuña que "a día de hoxe, 9.080 persoas agardan para recibir unha primeira consulta en saúde mental na sanidade pública, o que deixa a posibilidade de atención neste ámbito só en mans de quen poida pagalo".

Pola súa parte, a portavoz socialista, Pilar García Porto, defendeu o apoio do seu partido, indicando que “o vindeiro domingo, 4 de febreiro, a sociedade galega volverá saír á rúa de xeito masivo para defender a sanidade pública, o dereito dos galegos e galegas a unha atención sanitaria universal e a dignidade nas condicións laborais dos profesionais do sector”. Ao tempo, apuntou que “no caso dos lucenses achegaremos ademais a nosa demanda de que se reverta o desmantelamento da sanidade no rural, que está a xerar unha fenda entre cidadáns de primeira e de segunda”.

O PSdeG fixo público, tamén onte, un chamado ao conxunto da cidadanía galega para que se una á manifestación convocada por SOS Sanidade Publica o domingo.