193.622 persoas, en listas de espera por unha consulta en Atención Hospitalaria na Galiza

Máis de 40.400 pacientes agardan por unha cirurxía na sanidade pública

Os últimos datos publicados por Sanidade indican que 40.401 persoas estaban en lista de agarda por unha cirurxía no sistema sanitario.

Unha cuestión son as listas de agarda publicadas pola Xunta da Galiza e outra a realidade dos tempos de espera. Mentres a Administración divulga os datos das coñecidas como listas estruturais, garda silencio sobre as denominadas non estruturais. Os tempos de agarda superan nalgúns casos os tres anos.

As listas de agarda por unha cirurxía no sistema sanitario galego superan as 40.000 persoas. Os últimos datos publicados, referidos a 31 de decembro de 2021, recollen 40.401 pacientes en espera, cun tempo medio de agarda de 78,2 días, colocándose á cabeza a área sanitaria de Ferrol con 89,8 días, seguida da área da Coruña-Cee con 87,4 días; Santiago de Compostela-O Barbanza con 84,3; Ourense-Verín-O Barco con 79,7; Vigo con 74,8; Pontevedra-O Salnés con 62 e Lugo-A Mariña-Monforte con 55,5.

Cirurxías

Os tempos de agarda en cirurxía non deixan de incrementar. A propia Administración galega recoñece unha suba de 7,9 días en relación con xuño de 2021 e de practicamente 24 días con decembro de 2019, última cifra anterior á pandemia. Neste sentido, e segundo os novos datos do Sergas, o crecemento máis acusado no segundo semestre de 2021 rexistrouse na área sanitaria de Santiago de Compostela-O Barbanza cunha alza de 12,4 días, situándose a continuación Ferrol con 12,3 días, A Coruña-Cee con 10 días, Vigo con 8,5 días, Pontevedra con 8,3 días, A Mariña con 2,5 días e Ourense-Verín-O Barco con dous días.

Alén destas rexistros, a situación é aínda peor na realidade. Sen ir máis lonxe, a Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS denunciou que "un doente da área sanitaria de Santiago-O Barbanza tivo que agardar dous anos, dous meses e 23 días para unha intervención cirúrxica de uroloxía". Neste sentido, a deputada do BNG Iria Carreira afirmou no Parlamento da Galiza que "se miramos os datos oficiais da Xunta para área sanitaria de Santiago-O Barbanza, no servizo de Uroloxía non había ningún paciente con máis de 12 meses de permanencia na lista de espera. Porén, este paciente levaba xa 596 días".

Consultas hospitalarias

193.622 galegos agardan por unha consulta en Atención Hospitalaria. Así, o Servizo Galego de Saúde (Sergas) recoñece un tempo medio de espera de 79,6 días na área sanitaria de Lugo-A Mariña-Monforte; de 71,5 na área sanitaria de Ourense-Verín-O Barco; de 66,5 na área sanitaria de Ferrol; de 44,9 na área sanitaria da Coruña-Cee; de 44,6 na área sanitaria de Santiago de Compostela-O Barbanza; de 44,6 na área sanitaria de Pontevedra-O Salnés e de 40,9 na área sanitaria de Vigo. Neste caso, o tempo medio de agarda para o conxunto do sistema sanitario colócase en 56,4 días, 13,8 días máis que no semestre pasado e 14,7 máis que antes do comezo da pandemia.

O número de persoas en lista de agarda e o tempo de espera tense incrementado de forma importante. Neste sentido, os doentes inscritos na lista do Sergas para unha consulta en Atención Hospitalaria teñen aumentado no segundo semestre de 2021 en 54.938 persoas.

Asemade, o tempo de espera medrou en 23,4 días na área sanitaria de Ourense-Verín-O Barco; en 20,8 na área sanitaria de Ferrol; en 14,2 na área sanitaria de Santiago de Compostela-O Barbanza; en 13,8 na área sanitaria de Lugo-A Mariña-Monforte; en 9, 3 na área  de Pontevedra-O Salnés; e en 6,7 nas áreas sanitarias da Coruña-Cee e Vigo. Porén, a realidade é aínda máis dura, até o punto de que nalgunhas especialidades no Hospital do Barco de Valdeorras non se lle dá cita aos doentes para unha consulta hospitalaria até 2023.

Probas diagnósticas

A situación non é mellor no ámbito das probas diagnósticas. Por exemplo, o período medio de espera para unha endoscopia dixestiva é de 146,9: é dicir, 27 días máis que en 2019; de  85 días para unha tomografía axial computerizada (TAC) ou 100 días para unha resonancia magnética.

Neste contexto, son moitas ás especialidades, en función das áreas sanitarias, onde a espera supera de lonxe os prazos fixados nos diversos protocolos de atención asinados polo Goberno galego. A propia Xunta recoñeceu a existencia de doentes oncolóxicas en estadío IV que requiren dunha Tomografía Axial Computerizada (TAC) trimestral e que se lle está a realizar cada seis meses. 

As listas non estruturais

O Goberno galego só fai públicos os datos recollidos nas listas de agarda estruturais, non ofrecendo información dos tempos de espera e do número de persoas incorporadas ás denominadas listas non estruturais. Nestas inclúense un número indeterminado de persoas, entre elas todas aquelas que rexeitan a derivación á privada, chegando a sumar só para área sanitaria de Vigo en 2019 entre 17.000 e 18.000 persoas. Segundo denuncian os colectivos en defensa da sanidade pública, "hai doentes que pasan anos nas listas non estruturais".