Informe do Defensor do Pobo

A Igrexa católica ocultou abusos sexuais e presionou as vítimas, case medio millón de persoas no Estado

O Defensor do Pobo, Ángel Gabilondo, entregou hoxe no Congreso á súa presidenta, Francina Armengol, o extenso informe sobre os abusos sexuais no seo da Igrexa católica. (Foto: Jesús Hellín / Europa Press)
Unha de cada cen persoas maior de 18 anos no Estado español sufriu abusos sexuais no seo da Igrexa católica, uns abusos caracterizados durante moito tempo pola "negación", a "minimización" ou "ocultación" do problema e mesmo polas "presións" ás vítimas, segundo conclúe o Defensor do Pobo no primeiro e máis extenso informe sobre este asunto que vén de entregar ao Congreso dos Deputados.

Até 0,6% da poboación do Estado español maior de 18 anos, é dicir, unhas 236.000 persoas, sufriu abusos sexuais na Igrexa católica por parte dalgún sacerdote ou relixioso, segundo unha enquisa de GAD3 encargada polo Defensor do Pobo, Ángel Gabilondo, para o Informe sobre abusos sexuais no ámbito da Igrexa católica e o papel dos poderes públicos, que lle encargou hai un ano e medio o Congreso dos Deputados e que entregou esta sexta feira á presidenta da Cámara Baixa, Francina Armengol. En total, un 1,13% dos enquisados asegura que a agresión se rexistrou no ámbito relixioso, o que elevaría a cifra a unhas 445.000 persoas, tendo en conta que no Estado español hai 39.415.017 persoas de 18 e máis anos, segundo o último dato do INE dispoñíbel.

A enquisa demoscópica, encargada polo Defensor do Pobo seguindo o proceso de licitación da Administración, contempla unha mostra metodolóxica e numérica significativa da poboación española —8.013 persoas— a partir de datos anonimizados recolleitos pola Unidade de Atención ás Vítimas da institución. Esta revela, entre outros datos, que o 11,7% dos entrevistados afirma ter sufrido abusos sexuais antes de facer 18 anos, é dicir, 4,6 millóns de persoas, das que 3,36% foron no ámbito familiar, é dicir, 1,3 millóns de persoas. Por outra parte, un 72% dos enquisados considera que o abuso sexual infantil é un problema social moi grave e un 24,4%, bastante grave, e a maioría pensa que non se están tomando as medidas adecuadas fronte ao problema.

Ademais, o informe revela que un total de 487 vítimas, 87% delas homes, denunciaron abusos sexuais no seo da Igrexa ante a unidade de atención a vítimas da comisión creada polo Defensor do Pobo. Alén dos testemuños directos, tiveron en conta outras fontes provenientes de organismos oficiais, da Igrexa e da investigación do diario El País. O Defensor do Pobo mantivo a maiores reunións con asociacións de vítimas, máis de 80 encontros co presidente e secretarios xerais da Conferencia Episcopal Española (CEE), co presidente da Conferencia Española de Relixiosos (CONFER) ou co decano do Tribunal de la Rota, entre outras.

Ao longo das súas 777 páxinas, o informe do Defensor, titulado Unha resposta necesaria, apunta que a resposta da Igrexa católica, polo menos a nivel oficial, estivo caracterizada "moito tempo" pola "negación", a "minimización" ou "ocultación" do problema e denuncia que as vítimas sufriron mesmo "presións" de representantes da mesma que os "culpabilizaban". Con todo, tamén recoñece "boas prácticas" e "a coraxe institucional de quen optou por asumir a responsabilidade que corresponde á institución pola victimización producida".

Por outra parte, critica que os poderes públicos careceron de "procedementos adecuados" para previr, detectar e reaccionar fronte á comisión de abusos sexuais de menores nos centros escolares da Igrexa católica no pasado e sinala que até 2021 non se introduciron mecanismos en todos os centros educativos públicos ou privados. A maioría de casos que se denunciaron, segundo precisa, a pesar de ser unha pequena parte do problema, non atoparon resposta por parte do sistema xudicial.

Recoñecemento e reparación

O informe propón unha vintena de recomendacións, entre elas celebrar un acto público de recoñecemento e reparación simbólica ás vítimas polo prolongado período de tempo de desatención e de inactividade, nomeadamente entre 1970 e 2020. Igualmente, propón a creación dun fondo estatal para o pagamento de compensacións a favor das vítimas e que un órgano administrativo especial sexa o que instaurar un procedemento de recoñecemento e reparación das vítimas de agresión ou abuso sexual infantil no ámbito da Igrexa. Aliás, suxire que a Igrexa católica debe pór os medios necesarios para axudar as vítimas de abusos sexuais no proceso de recuperación, ofrecendo tratamento ás vítimas ou familiares, e que as dioceses e os institutos de vida consagrada abran os seus arquivos.

Na rolda de prensa posterior á entrega do informe, o Defensor do Pobo pediu que este asunto non se converta nun "trampantoxo" para "enredarse" en "outros debates infecundos". Por iso, dirixiuse "expresamente" ao Congreso dos Deputados, ao Goberno e á Igrexa para que asuman o que significa e adopten as medidas a fin de dar unha resposta necesaria a elas. Gabilondo expresou que "é necesario dar resposta a unha situación de sufrimento que durante anos foi cuberta por un inxusto silencio", e precisou que "non é certo que todos o sabían" pero "non é verdade que ninguén o sabía".

En canto ao informe, Gabilondo aclarou que o obxectivo non era "chegar a coñecer unha cantidade concreta e concluínte" e advertiu de que "pretender facer unha estimación suporía pasar por alto" o "respecto absoluto á vontade das vítimas" e o "silencio voluntario de moitas"; e "ignorar" ás que desapareceron. O estudo, segundo indicou o Defensor, revela o "impacto devastador" dos abusos e sinala que en moitos casos a resposta foi "insuficiente" e "dilatoria", predominando durante anos determinadas condutas como o "traslado" das persoas abusadoras "de modo reiterado, non ocasional". Porén, puntualizou que este informe non pretende ser "unha última palabra" ou "un punto final" senón que "máis ben aspira a contribuír á toma de conciencia".

Reacción desde a Igrexa

Polo momento, segundo indicou Gabilondo, non entregaron o informe á Igrexa católica pero precisou que a vindeira segunda feira, a Conferencia Episcopal Española convocou unha reunión extraordinaria para analizar o documento e que os bispos o convidaron a asistir para presentalo. Aínda que, explicou que non poderá acudir debido a un asunto familiar, malia que non descarta presentarllo noutro momento.

Sobre a colaboración durante a realización do informe, o Defensor dixo que "mentiría se dixese que ninguén colaborou" pero tamén "mentiría se dixese que houbo unha colaboración extraordinaria". En todo caso, considera que "a Igrexa tomou conciencia de que o maior dos escándalos sería non colaborar". Aínda que recoñeceu que se chegou " tarde" a facer este informe, Gabilondo defendeu o resultado e a enquisa "tecnicamente impecábel" de GAD3, a pesar de utilizar unha mostra inferior á empregada no informe sobre os abusos na Igrexa francesa pois, tal e como explicou, se duplicasen ou triplicasen o número de enquisados, o resultado "non sería diferente".

Agora, cos datos sobre a mesa, segundo dixo, "é o momento do Congreso, da Igrexa, do Goberno" que xa "teñen datos suficientes para dar unha resposta concreta". Respecto á Igrexa, Gabilondo considera "imprescindíbel" e "inevitábel" que esta "colabore economicamente" no fondo estatal para a reparación das vítimas. Tamén cre que a Iglesia debe estar presente no acto público que se realice.

Aínda que a intención do Defensor era presentar o informe ante os deputados que encargaron a súa elaboración, explicou que non puido facelo debido á disolución das Cortes como consecuencia da convocatoria de eleccións anticipadas, pero di que o debate non queda "eludido" e xa lle trasladou á presidenta do Congreso o seu desexo de presentar os resultados.