Máis de 4.000 emigrantes retornad@s manifestáronse en Cangas contra os expedientes de Facenda

Nunha marcha convocada pola CUT, o colectivo enfatizou que ''os pensionistas que emigramos fomos traballadores, non estafadores'' e reclamou a paralización dos expedientes, así como que a lei non se aplique con carácter retroactivo


Máis de 4.000 persoas reclamaron esta fin de semana en Cangas unha solución para o colectivo de pensionistas do Salnés, Vigo, Redondela ou Ourense e que son, a un tempo, emigrantes retornad@s, e que están a ser presionad@s por Facenda.

Detrás dunha faixa co lema 'Os pensionistas que emigramos fomos traballadores, non estafadores', a mobilización foi gañando participantes até que, segundo a organización, superou as 4.500 persoas. 

"Esta gran estafa que chaman crise vainos levar á escravitude", enfatizou a actriz Mónica Camaño durante a leitura dun manifesto de marcado carácter reivindicativo. Houbo mostras de solidariedade coas persoas afectadas polos despexos e tamén coas estafadas na venda de participacións preferentes e subordinadas de Novagalicia Banco. 

Foi o voceiro da plataforma de pensionistas emigrad@s de Vilagarcía, Xosé Lois Leirós, quen falou en nome d@s afectad@s para sinalar que "os traballadores que tivemos que facer a maleta e sufrir lonxe da nosa Terra temos que pagar os pratos rotos" da corrupción política. 

"Somos unha peza importante dentro do saqueo", destacou, enfatizando que "nunca recibimos información sobre a obriga de tributar nin tivemos intención de defraudar", polo que pediu que se anulen os expedientes sancionadores e que a lei de 2012 non se aplique con carácter retroactivo. A multitudinaria mobilización estivo convocada pola CUT.