Máis de 3.500 persoas claman contra o Sergas pola continuidade do centro de saúde de Seixo

Manifestación das usuarias do centro de saúde de Seixo. (Foto: Plataforma veciñal)

A veciñanza das zonas de Santomé, O Campo, Ardán e Seixo, en Marín, protagonizou unha manifestación “histórica” para defender o consultorio e loitar “contra os recortes da Xunta na sanidade” pública.

A ameaza do Servizo Galego de Saúde de fechar o ambulatorio de Seixo, en Marín, implicou unha mobilización cidadá “histórica” que levou á creación da Plataforma  “pola defensa do centro de saúde de Seixo, contra os recortes e a privatización da sanidade pública” e á saída de máis de 3.500 veciñas e veciños -segundo a organización- ás rúas do concello para loitar contra o posíbel fechamento do consultorio.

Desde o colectivo veciñal explicaron que na protesta sen precedentes a poboación das parroquias de Seixo, O Campo, Santomé e Ardán exixiu á Consellaría de Sanidade “compromisos claros e por escrito á Xunta para cubrir todas as prazas do Centro de Saúde de Seixo e garantir unha asistencia sanitaria digna nas parroquias, que evite o desmantelamento do consultorio”.

Ao parecer do grupo, o Sergas quere “desmantelar este servizo público aproveitando a xubilación dunha das profesionais que ocupa praza de enfermaría e a xubilación dun dos médicos que atende na instalación, prevista para mediados de agosto”.

Na marcha, que tamén contou co apoio dos comerciantes e de poboación doutras zonas, pediu tanto polo centro de saúde de Seixo, que corre o risco de fechar, como por “un rural vivo”. Para iso as crianzas da contorna amosaron unha faixa co lema “Queremos pediatra en Seixo”.

No percorrido polas rúas do municipio, a cidadanía tamén aproveitou para facer outra reivindicación polo rural ao pasar por diante dunha oficina de Abanca, que a entidade financeira ten previsto deixar sen uso o 21 de xullo. Por iso, a xente colocou carteis en contra da desaparición dese servizo.

“Despois desta manifestación, a Xunta debe pasar da propaganda aos compromisos claros e por escrito. A veciñanza saíu á rúa porque non se fía do que din dende a Xunta e repiten do Concello. Sobran exemplos de recortes en centros de saúde como o noso”, indicaron fontes da plataforma.

Manter os dereitos

De feito, aseguraron que até non ter un documento acreditativo de que non van ficar sen atención sanitaria básica van seguir facendo “o que sexa necesario para reclamar os dereitos e evitar o deterioro e desmantelamento destes servizos básicos para toda a veciñanza da zona”.

Este tipo de contestación pública ás políticas sanitarias da Xunta non é nova dado que nos últimos meses moitas galegas e galegos de lugares como O Rosal, A Guarda, Monfero ou Guitiriz, por indicar só algúns exemplos, están a levar a cabo protestas pola deficiente atención sanitaria.