Máis de 3.000 suicidios nunha década, ao tempo que a Xunta "ignora" a situación

Acto na praza do Toural (Compostela) para lembrar as 307 persoas falecidas por suicidio na Galiza en 2020. (Foto: Arxina)
307 badaladas soaron en Compostela no Día Mundial para a Prevención do Suicidio, lembrando a cada unha das persoas que faleceron o ano pasado na Galiza.

Cada 40 segundos suicídase unha persoa no mundo. Na Galiza, 307 perderon a vida deste modo en 2020, 3.390 desde 2010. Para dar visibilidade a esta problemática e denunciar as carencias das políticas públicas, ducias de persoas xuntáronse esta sexta feira ás 20 horas na praza do Toural de Compostela, convocadas polo Movemento Galego da Saúde Mental (MGSM).

No acto, que conmemora o Día Mundial para a Prevención do Suicidio, tocouse unha badalada por cada unha das persoas que se autoinflixiron a morte na Galiza o ano pasado, como vén acontecendo desde 2017.

“O suicidio pódese previr”, afirma sen ambaxes Rosa Cerqueiro, voceira do MGSM e psicóloga clínica no Servizo Galego de Saúde (Sergas), “non é inevitábel, e ese mito mantén a inercia de non facer nada”.

De feito, o principal impedimento para reducir unha cifra que se mantén invariábel arredor das 300 mortes anuais é a “falta de compromiso real” das institucións públicas, principalmente da Xunta da Galiza, reitera a sanitaria. A mellor proba desta situación, continúa, é que o Goberno galego non levou a cabo nesta sexta feira (nin ao longo do ano) ningún acto vencellado coa prevención destes sucesos.

Principal causa externa de mortalidade

Na Galiza, o suicidio é, con diferenza, a principal causa externa de morte, superando amplamente a segunda da lista, os accidentes de tráfico. Contra as máis de 300 defuncións apostas á primeira en 2020, 70 persoas faleceron na estrada. A meirande parte destes casos afectaron a homes (220 e 87 mulleres).

No conxunto do Estado, a Galiza é despois de Asturies o territorio cunha maior incidencia, cunha taxa de 13,11 por cada 100.000 habitantes, moi por riba da media estatal -situada no 7,79- e tamén da UE -11,93 por cada 100.000 persoas-.

Abordaxe transversal

A entidade Saúde Mental FEAFES Galiza organizou na sexta feira unha difusión de infografías polas redes con información relevante para coñecer esta realidade e defender a “abordaxe transversal do suicidio para mitigar os seus efectos”, salientando que amais da “prevención, detección, diagnóstico, tratamento e continuidade de coidados dos problemas de Saúde Mental”, é preciso que a sociedade sexa consciente da situación.

Falta de medios

O Plan galego de saúde mental poscovid apareceu pouco antes das eleccións galegas de xullo de 2020, explica Cerqueiro, mais até o final do ano non comezaron as contratacións.

“Nós seguimos sobrecargadas”, recoñece, e critica que os novos contratos para distintos servizos “representan a metade dos que a Xunta recomendaba hai 20 anos”.

A federación de Saúde da Confederación Intersindical Galega (CIG) en Compostela, denunciou na sexta feira o estado “crítico” no que se atopa a atención á Saúde Mental na área sanitaria de Compostela-O Barbanza.

“Carencia de profesionais en todos os ámbitos”, falta de infraestrutura ou Unidades de Saúde Mental “baleiras de contido” compoñen o día a día do persoal sanitario neste sector, denuncia a CIG, que detalla o desleixo incluso en comarcas como a de Ordes, cun dos índices de suicidios máis alto de todo o Estado.

O Plan de prevención do suicidio é papel mollado

En 2016, o Movemento Galego da Saúde Mental (MGSM) presentou a campaña Badaladas, para premer o Goberno encabezado por Alberto Núñez Feixoo co fin de que impulsase un Plan galego de prevención do suicidio. Finalmente viu a luz en 2017, pero sen orzamento, sostén Rosa Cerqueiro, psicóloga clínica e voceira do MGSM. En todos estes anos non se presentou nin unha memoria nin un informe sobre os 37 obxectivos que marcaba.

A taxa de suicidios pode reducirse, indica, como fixeron outros Estados que investiron en prevención e protección social, diminuíndo as cifras incluso durante a crise económica que comezou en 2008.