Máis de 3.000 suicidios na Galiza na última década

O suicidio é a principal causa de morte externa por detrás dos accidentes de tráfico.
 Hai unha media duns 308 suicidios ao ano, case un ao día.

A Galiza rexistrou un total de 3.083 suicidios entre 2010 e 2019, segundo datos publicados polo Instituto Nacional de Estatística (INE).

Entre o total, 192 persoas que se quitaron a vida na última década tiñan menos de 30 anos, das cales cinco eran menores de 15 anos.

Esta cuarta feira o INE publicou os datos definitivos de causas de morte en 2019, no que figura que 292 persoas suicidáronse ese ano en Galiza, 220 homes e 72 mulleres.

De tal forma, hai unha media duns 308 suicidios ao ano na Galiza, case un ao día. De feito, nesa década só tres anos ficaron por baixo da cifra de 300. O  aforcamento foi o principal medio empregado, segundo os datos de INE.

Profesionais da saúde mental defenden un rexistro "preciso e rigoroso" do suicidio. O Movemento Galego da Saúde Mental urxía hai unhas semanas ao anonimato e confidencialidade no tratamento de datos persoais sobre suicidios e tentativas autolíticas.

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña anunciaba a mediados de abril no Parlamento a creación dun rexistro de intentos de suicidio e de dano autoinfrinxido de ámbito galego co obxectivo de coñecer a incidencia, a prevalencia e os factores asociados a este problema de saúde pública.

Desde as organizacións piden máis “visualización sobre este tema tabú”. “Os problemas lévanse mellor se os socializamos”  mais para o lograr “precisamos unha sociedade que fale con respecto e cariño e que non cedan a prexuízos ao tratar sobre o suicidio; non queremos escoitar iso de 'ti estás tola, tes que ir ao médico' ante este tema”, sinalaba en marzo o presidente da Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental (Feafes) da Galiza, Xosé Ramón Girón, a Nós Diario.

No tocante ás causas de morte de 2019, publicadas esta cuarta feira, en Galiza houbo 31.268 falecementos ese ano. As enfermidades do sistema circulatorio foron a principal causa de falecemento (9.215 mortes), seguidas dos tumores (8.362 mortes) e as enfermidades do sistema respiratorio (3.548).