Máis de 3 mil doentes de hepatite C tratados na Galiza desde a entrada en vigor do Plan estratéxico

Sanidade nega saber cal é o número de reclusos tratados nas cárceres galegas embora terlle sido reclamada a información pola Valedora do Pobo en setembro de 2015. 

Esta quinta feira (4 de agosto) representantes da Plataforma de persoas atinxidas pola hepatite C mantiveron un encontro co director xeral de Asistencia Sanitaria, Jorge Aboal, quen lles remitiu a cifra de doentes que foron tratados cos novos tratamentos após a entrada en vigor do Plan estratéxico aprobado en 2015. 

Sanidade di non saber cal é a cifra de persoas diagnosticadas mais imaxina que as tratadas representan "algo máis do 50%"

Segundo Sanidade trataríase de 3.199 persoas entre o 1 de abril de 2015 e o 30 de xuño de 2016, como trasladou aos medios de comunicación á saída do encontro o voceiro da plataforma, Quique Costas. Así as cousas, Asistencia Sanitaria di carecer da cifra de persoas diagnosticadas no país, un dado requerido pola plataforma, que sospeita da existencia de doentes non diagnosticados. Porén, "calculan que esta cifra --as máis de 3 mil persoas tratadas-- representarían algo máis do 50%". 

Poboación reclusa

No encontro, a plataforma soliciou á Xunta a cifra de persoas reclusas en cárceres galegas que estarían a ser tratadas ao abeiro do Plan estratéxico. Cumpre lembrar que este colectivo foi considerado de atención prioritaria polo índice de contaxio que soporta, 13 veces maior ao da poboación en liberdade.

A Xunta négase a financiar os tratamentos para presos que se ven obrigados a deslocarse a cárceres madrileñas

Esta información foi solicitada en numerosas ocasións pola Valedora do Pobo desde setembro de 2015. Porén, a Consellaría de Sanidade negouse a proporcionarlla tamén a esta institución. De novo, na xuntanza desta quinta feira, Jorge Aboal asegurou non dispor dos datos e dixo que "consultarán con Institucións Penitenciarias para facilitarlla". 

Na Galiza, as competencias en materia sanitaria nas prisións dependen do Ministerio de Interior malia que o Parlamento galego, na pasada lexislatura, instara por unanimidade á Xunta reclamalas. 

Pola súa banda, desde a Plataforma de persoas atinxidas pola hepatite C trasladaron a Sanidade a necesidade de desenvolver campañas de prevención e información sobre a doenza ao que Asistencia Sanitaria respondeu asegurando que "están pendentes" dun plan estatal "a nivel do ministerio". Polo que, en síntese, Quique Costas dixo saír da xuntanza "coas mesmas incógnitas" que entrara.