Manifesto

Francisco Rodríguez, Xosé M. Beiras e Méndez Ferrin piden a absolución dos independentistas encausados na 'Operación Jaro'

Faixa de Ceivar [Arxina].

Un manifesto de apoio aos 12 procesados pola Audiencia Nacional reúne xa máis de 260 sinaturas, entre elas as dos secretarios xerais de CIG e CUT e SLG, o presidente de Fruga, representantes de BNG e Anova, ademais de voces do mundo da cultura, o activismo social e da memoria histórica.

Máis de 260 apoios reunía a primeira hora desta terza feira o manifesto de solidariedade cos 12 independentistas de Causa Galiza e Ceivar que a partir do 19 deste mes van ser xulgados na Audiencia Nacional baixo acusacións tan graves como “pertenza a banda criminosa” e “enaltecemento do terrorismo”.

O manifesto consta de catro puntos nos que se mostra a preocupación dos e das asinantes por un proceso xudicial que entenden que bate con dereitos fundamentais. “Non podemos observar con pasividade o desenvolvemento de operacións de montaxe policial e de impulso de intentos de criminalización e ilegalización de organizacións políticas, independentistas neste caso, porque máis alá do seu obxectivo concreto e próximo, tolerar estas derivas implicaría aceptar o recorte de dereitos e liberdades.”

“Solicitar penas que suman 102 anos de prisión, con condenas individualizadas que van de 4 a 12 anos, cando en boa parte da argumentación acusatoria non existe fundamento probatorio, parece aproximarse, máis ben, a un intento de amedrentamento e castigo exemplarizantes, algo que xa parece habitual nun tribunal político de excepción deseñado e motivado para a represión política en lugar de para a impartición de xustiza”, indícase.

Por iso, as persoas que apoian este manifestó indican que: “Consideramos como imperativo que a Audiencia Nacional absolva as persoas encausadas, restituíndo todos os seus dereitos, así como os das organizacións acusadas, ás que se debe restaurar o seu lexítimo dereito á plena intervención pública presente e futura”.

Sinaturas

Un manifesto que xa asinaron representantes do mundo do traballo, como os  secretarios xerais de CIG (Paulo Carril), CUT (Ricardo Castro) e SLG (Isabel Vilalba), así coma o presidente da Federación Rural Galega, Xurxo Álvarez. Tamén representantes políticos, como Ana Miranda, Néstor Rego, Goretti Sanmartín ou Noa Presas (BNG) ou Antón Sánchez (Anova).

Historiadores como Dionisio Pereira, Bernardo Máiz, Xosé R. Hermida ou Eliseo Fernández; voces do mundo da cultura como María Xosé Silvar ‘Ses’, Xurxo Souto, Suso de Toro, Xosé Mª Álvarez Cáccamo, Xurxo Borrazás, Antón Dobao Manolo Bacalhau ou integrantes de Dakidarría; ensaístas como Carlos Taibo e H. Miguélez Carballeira; entre as asinantes.

Tamén nomes claves na historia recente da Galiza, como Francisco Rodríguez, Xosé Manuel Beiras ou Méndez  Ferrín; economistas como López Suevos, Suso Veiga, Xosé Díaz; e integrantes de diferentes movementos e colectivos ambientalistas, feministas, sociais…