Máis de 230 colectivos denuncian o incumprimento da normativa ambiental europea na mina de San Finx

San Finx. Explotación mineira.

Poñen o caso desta mina de estaño e volframio de Lousame como exemplo ilustrativo da falta de control da Comisión Europea sobre os incumprimentos sistemáticos da lexislación da UE por parte das mineiras.

Esta segunda feira entregouse en Bruxelas unha carta aberta ao Vice-presidente da Comisión Maroš Šefčovič e os eurocomisarios Thierry Breton e Virginijus Sinkevičius rexeitando a nova estratexia europea de materias primas críticas lanzada este mes e denunciando o incumprimento da normativa europea na mina de San Finx (Lousame).

Na Carta Aberta, asinada por 234 entidades da sociedade civil e membros da comunidade científica, escolleron o caso da mina de estaño e volframio de San Finx (en Lousame) como exemplo ilustrativo da falta de control da Comisión Europea sobre os incumprimentos sistemáticos da lexislación da UE por parte das mineiras e dos Estados membros, o que deixa en evidencia os graves problemas ambientais que implicará a nova estratexia.

“Os problemas ambientais causados por esta explotación de estaño e volframio xunto coa sobra da corrupción que afecta a súa reapertura en 2009 fixeron que fose obxecto dunha ducia de preguntas parlamentarias no Parlamento Europeo, dúas peticións ante o mesmo Parlamento, varias queixas perante a Comisión e ata tres procedementos penais, incluíndo o que actualmente sigue en curso”.

A estratexia da UE, afirman, pretende achandar o camiño para unha nova vaga de minaría na Europa, procurando reducir os trámites ambientais e contrarrestar a oposición social á minaría destrutiva.

“Fronte a isto, os grupos asinantes reafírmanse no dereito das comunidades de dicir non aos proxectos mineiros e avisan que esta nova “febre metálica” non pode levar a ignorar ou tapar os enormes impactos que teñen explotacións como a de San Finx e que as administracións levan anos pasando por alto”.

Encabezan a lista de signatarios a Oficina Europea do Medio Ambiente (EEB, que agrupa 150 organizacións europeas), WWF e Amigos da Terra Europa, contando ademais co apoio dunha vintena de colectivos galegos.