Secundaria, Bacharelato, FP e réxime especial

Máis de 209.000 estudantes inician curso entre a "normalidade" e a falta de efectivos

Protesta contra os recortes no ensino (Foto: Arxina / Arquivo).
Comezaron as aulas en Secundaria, Bacharelato, FP e ensinos en Réxime Especial.

Esta cuarta feira, máis de 209.000 estudantes iniciaron as aulas deste curso 2021-2022 en Secundaria, Bacharelato, Formación Profesional (FP) e ensinos de Réxime Especial. As cifras, facilitadas pola Consellaría de Cultura, Educación e Universidade, non serán definitivas até que pasen unhas semanas como consecuencia dos exames de recuperación en secundaria e de que aínda está aberta a matrícula nos ciclos formativos que contan con prazas libres.

Desde Educación salientan un incremento "moi considerábel" de alumnado na FP galega, perto de 3.000 alumnas e alumnos máis, o que elevaría o total nestes ensinos a case 60.500.  

Secundaria, bacharelato e réxime especial

Se falamos da educación secundaria obrigatoria (ESO), os datos apuntan a que 94.187 alumnas e alumnos comezarán o curso, 448 menos que no curso pasado. Deste total, 66.115 farano en centros públicos, 25.722 en concertados e 2.350 en privados. 

Por outra banda, 33.002 comezarán as aulas no bacharelato común na Galiza, 128 máis que o exercicio anterior, dos que 27.281 estarán en centros públicos e 5.721 en privados. 

Os ensinos de réxime especial, en concreto as básicas, para persoas adultas e o bacharelato semipresencial ou a distancia, aumentaron este curso en 299 e o seu alumnado chega aos 9.642. Os ensinos artísticos alcanzan os 10.155 e os regrados de música contarán con 8.004  mentres que en arte dramática serán 183.

Por último, en artes plásticas e deseño este curso chegan aos 843 estudantes, en ensinos artísticos superiores haberá 784 matriculados e en deportivas o incremento de alumnado é de 637 estudantes, alcanzando un total de 1.928 matrículas.

Falta de efectivos

O primeiro día de curso saldouse con "normalidade" e  notouse especialmente a experiencia vivida o ano pasado e o coñecemento dos protocolos sanitarios. Con todo, os novos criterios de distancia fixados pola Xunta non tiveron o mesmo efecto en todos os centros e algúns experimentaron un maior volume de alumnado en aulas e tivo consecuencias nos reforzos e efectivos docentes.

Un exemplo foi o equipo docente do IES Xunqueira I de Pontevedra que denunciou a masificación de aulas debido a estes novos parámetros e a dificultade de garantir unha correcta atención pedagóxica cos espazos ao alumnado. Nese centro faltan, segundo a dirección, catro docentes este curso.