Máis de 20.000 enfermeiras integran as novas listas de contratación temporal do Sergas

As enfermeiras son chaves para manter a calidade asistencial. (Foto: @eventuais_loita)

Publicada a relación definitiva de persoas admitidas nas listas de contratación temporal do Sergas e do 061

Esta sexta feira, 8 de marzo, entraron en vigor as novas listas de contratación temporal de enfermaría para o Servizo Galego de Saúde (Sergas) e o 061-Urxencias Sanitarias. En total, hai 20.445 destes e destas profesionais seleccionadas.

En concreto, o Diario Oficial da Galiza (DOG) publicou na quinta feira a relación definitiva de persoas admitidas —18.951 enfermeiras do Sergas e outros 1.494 do 061— coa orde de prelación e a puntuación obtida por cada unha. O número de novas inscricións en relación ao pasado ciclo é de 812 e 61, respectivamente.

As listas atópanse publicadas e ao dispor das persoas interesadas na páxina web do Sergas, no apartado de emprego público. Ademais, o estado de cada solicitude pode ser consultado pola persoa aspirante no seu expediente electrónico persoal 'Fides'.

Proximamente, publicaranse as listas provisionais das seguintes categorías: enfermaría especialista en saúde mental, enfermaría especialista en traballo, enfermaría especialista en familiar e comunitaria, enfermaría especialista en obstétrico-xinecolóxica (matrona), enfermaría especialista en pediatría, medicina de familia, medicina de urxencias hospitalarias, medicina coordinadora do 061, medicina asistencial do 061, pediatría de primaria e técnica de saúde de primaria.