Máis de 20.000 aspirantes a 1.664 prazas participan nas oposicións de educación galegas
86% das prazas son de ingreso libre.
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, asistiu este sábado ao proceso de oposicións de educación galegas co que, apuntou, buscan "mellorar as cocientes de alumno/profesor e reforzar o cadro de docentes da educación pública galega". Así o expresou no arranque en Santiago de Compostela e Lalín das probas, dúas dos 16 concellos onde levan a cabo os exames na xornada deste sábado.
En total, ofértanse 1.664 prazas de persoal funcionario que se incorporarán ao seu novo destino xa o próximo mes de setembro, coincidindo co novo curso escolar 25/26. Son 20.520 persoas as que concorren e 183 os tribunais que os xulgan e supervisan, en 16 localidades de toda Galiza. Isto supón mobilizar 915 persoas, un total de 2.562 persoas se se ten en conta tamén os membros dos tribunais suplentes.
Das 1.664 prazas convocadas, a maior parte, un total de 1.424 (case 86%), son de ingreso libre, mentres que 10 son para o acceso ao corpo de inspectores de educación e outras 230 para que mestres que forman parte xa do sistema poidan acceder ao un posto como profesores de Secundaria.
Por corpos, no de mestres hai 426 prazas en oito especialidades, e no de profesores de ensino secundario, 918 en 33 especialidades.
Pola súa parte, hai 80 prazas en oito especialidades no corpo de profesores especialistas en sectores singulares da FP e 10 para inspectores de educación. En canto á promoción interna, hai 230 prazas en 32 especialidades.
Os exames desenvólvense en 16 localidades, en concreto na Coruña, Ames, Betanzos, Culleredo, Ferrol, Oleiros, Santiago de Compostela, Lugo, Rábade, Ourense, Pontevedra, Lalín, Poio, Ponteareas, Vigo e Vilagarcía de Arousa.
O maior número de tribunais concéntrase nas probas das especialidades do corpo de profesores de ensino secundario, un total de 93; mentres que para mestres hai 77 tribunais, para profesores especialistas en sectores singulares da Formación Profesional hai 10, para a acreditación do coñecemento de galego, dous tribunais e para inspectores de educación, un tribunal.

