Galiza ten 1.708 profesionais sanitarias infectadas por coronavirus, tres veces máis que hai un mes

Profesional sanitario, entrando na habitación dun doente con COVID- 19 (Foto: Europa Press).

Segundo datos do Sergas, na actualidade hai rexistrados 1.708 positivos por COVID-19 entre o persoal sanitario, unha cifra que practicamente triplica os 629 do pasado 8 de abril.

O Servizo Galego de Saúde (Sergas) vén de confirmar a Nós Diario a cifra oficial de profesionais sanitarios contaxiados de coronavirus na Galiza: exactamente 1.708. Delas, 32% xa está dada de alta.

A cantidade supón practicamente triplicar o número de persoal sanitario infectado rexistrado o pasado día 8 de abril, data arredor da cal se alcanzou o pico da pandemia en territorio galego.

Así, por aquel entón eran 629 as persoas traballadoras na Sanidade positivas en COVID-19, revelando unha situación moi grave e que hai tempo que as propias profesionais veñen denunciando.

76% do persoal sanitario infectado son mulleres

Segundo os datos do Informe sobre la situación de COVID-19 en personal sanitario en España, elaborado polo Insituto de Saúde Carlos III, 76% do persoal sanitario infectado no Estado español son mulleres. 

Ademais, o documento afonda noutros eidos de relevancia, como a idade media das profesionais doentes (46 anos) ou a gravidade da súa doenza, que lle costou a vida a 35 sanitarios (19 homes e 16 mulleres, confirmando a maior gravidade dos efectos da COVID-19 na poboación masculina).

Por outra banda, revela que 10,9% das sanitarias con coronavirus tiveron que ser hospitalizadas, e que até 16,5% desenvolveron unha neumonía, tendo que ser ingresadas nas Unidades de Coidados Intensivos 1,2% do total.