Máis de 200 quilos de estupefacientes e 400.000 euros incautados nun novo operativo 'antidroga'

Droga interceptada nun operativo policial anterior a bordo doutra embarcación. (Foto: Arquivo / Europa Press)
Doce persoas foron detidas en diferentes rexistros que se produciron en localidades como Vigo, Cangas, Vilanova e Vilagarcía.

Os rexistros enmarcados na operación contra o tráfico de drogas levada a cabo en comarcas da costa atlántica esta pasada terza feira saldáronse coa incautación duns 200 quilogramos de estupefacientes e arredor de 400.000 euros en efectivo, segundo fontes da investigación que cita hoxe a axencia Europa Press. O operativo supuxo a detención de doce persoas en diferentes localidades, incluíndo municipios como Cangas (O Morrazo), Vigo, Vilagarcía ou Vilanova de Arousa (O Salnés). A eles hai que sumar outra persoa arrestada en Córdoba.

Os arrestados pasarán a disposición xudicial previsibelmente esta mesma quinta feira, con base nas mesmas fontes, que descartan que acudan aos tribunais ao longo desta cuarta para prestaren declaración. O caso instrúeo o Xulgado número 1 de Cangas, quen estabelecerá o primeiro contacto cos doce detidos.

O Equipo de Delincuencia Organizada Antidroga (EDOA) da Comandancia da Garda Civil de Pontevedra encárgase da operación, que continúa aberta. Polo de agora producíronse máis de dez rexistros.

Dúas toneladas nun pesqueiro

As mesmas consultadas fontes afirmaron que este novo caso non garda relación co pesqueiro que esta terza chegou ao porto de Vigo con máis de dúas toneladas de cocaína a bordo. Foi interceptado nas Rías Baixas e trasladado de inmediato a porto.

Fontes coñecedoras do operativo, que dirixe a Audiencia Nacional, sinalaron que xa se produciron no mínimo catro detencións a bordo do pesqueiro, malia que a investigación segue tamén aberta e non se poden descartar máis arrestos en terra. Estímase que, a bordo do barco, podería haber máis de 2.000 quilos de cocaína.