Máis de 200 persoas protestan ante a Delegación do Goberno contra os parques macroeólicos

Imaxe da protesta (Foto: Marea Atlántica)

Convocados pola asociación veciñal 'Monfero di Non'.

Máis de dous centos de persoas, segundo os convocantes concentráronse na mañá desta quinta feira ás portas da Delegación do Goberno español na Galiza, na Coruña, para protestar contra a instalación de parques macroeólicos.

A concentración foi convocada pola asociación veciñal 'Monfero di  Non', e participaron nela asociacións como 'Paderne', 'Asociación A- Legre' , 'Cabanas di Non', ' S.OS. Patrimonio Monte  do Gato Seselle', 'Plataforma  pola defensa  do Monte As Salgueiras' e 'Petón  do Lobo', que representan os municipios de Monfero, Oza-Cesures, Mesía, Cabanas, Ponteceso e Cabana de Bergantiños.

Na protesta puidéronse ver pancartas con lemas como 'Eólicas así non', ' Veciños unidos,  xamais serán vencidos' ou ' Macroeólicos non', que portaban as persoas que se reuniron fronte á delegación.

Iñaki López, representante da plataforma 'Monfero di  Non', explicou que a protesta buscaba "unha moratoria eólica e a paralización de proxectos  macroélicos nas nosas aldeas". Segundo trasladou, estes proxectos afectan "espazos gandeiros, madeireiros ou o uso turístico, que afectan a nosa vida e a nosa economía".

As empresas non falan connosco, entran nas nosas leiras privadas e marcan o chan sen dicirnos nada, fano ás agachadas

A asociación 'Monfero di Non' sumou 1.700 alegacións presenciais contra o proxecto do parque eólico en Pena do Corvo. López sinalou a dificultade para dar información aos veciños, xa que "son lugares  deslocalizados, e hai veciños que nin coñecen o que é unha alegación".

Tamén mostrou o seu descontento co Goberno, xa que segundo afirmou o representante da asociación, "a administración é incapaz de admitir todas as alegacións que presentamos", por iso pide "igualdade de condicións" para que non se vulneren os seus dereitos.

Tamén piden ao Goberno que revise as leis da distancia ás casas, "non poden ser leis de hai 20 anos cando os muíños agora miden tres veces máis", explica o representante de 'Monfero di Non'

"As empresas non falan connosco, entran nas nosas leiras privadas e marcan o chan sen dicirnos nada, fano ás agachadas. Isto é o que queremos que paralice o Goberno, que non admitan a trámite todos eses proxectos", resolveu Iñaki López.