Denuncian que máis de 14.500 hectáreas das montañas da Limia e Celanova están "en mans de multinacionais privadas"

Stop Eólicos Xurés Celanova acusa a varios alcaldes da zona de ser "cómplices" do espolio de terras altas (Foto: Europa Press).

Stop Eólicos Xurés Celanova acusa a varios alcaldes da zona de ser "cómplices" do espolio de terras altas para favorecer ás grandes corporacións enerxéticas.

A Plataforma Stop Eólicos Xurés Celanova denunciou a "complicidade" dos alcaldes de Calvos de Randín, Baltar, Os Blancos, Bande, Verea e Celanova co "gran espolio de Terras Altas que están a executar Greenalia e outras".

Segundo esta organización, a intervención este sábado da alcaldesa de Porqueira "saca á luz a liña de alta tensión que conectará os proxectos eólicos das corporacións enerxéticas desde a raia seca da Limia até Terras de Celanova coa central de Frieria no Miño".

Explican que serán máis de 50 quilómetros de LAT que atravesarán o val de Salas, o do Limia pola Veiga de Ponteliñares, o Monte Grande e o Monte da Neve, e a parte nororiental da serra do Laboreiro, afectando poboacións e a cursos fluviais para dar servizo a unha macro-proxecto eólico que inclúe os polígonos de Lamas (dous proxectos), Gomariz, Monte Grande-Ourille e Monte da Neve, e ofrecerase para a repotenciación do polígono do Vieiro, e dar saída á produción de Iberdrola no Larouco e nos límites do Parque Natural do Xurés, onde ademais se proxectan tres polígonos que conectarán co xa operativo entre Baltar e Cualedro.

Desde as entidades e organizacións que conforman a Plataforma denuncian que "máis de 14.500 hectáreas das montañas máis destacadas das comarcas da Limia e das Terras de Celanova, entre O Larouco e O Laboreiro, están en mans de multinacionais privadas con dereitos durante 25 ou máis anos sobre os chans".

Informan tamén de que Stop Eólicos Xurés Celanova rexistrou esta semana alegacións contra o proxecto PE Lamas de Feás (Baltar, Os Blancos, Calvos de Randín), e antes xa presentara alegacións e manifestou a súa oposición aos proxectos LAT do Xurés (entre Baltar e Muíños), LAT do Larouco (Baltar e Xinzo), PE de San Martiño (Baltar) e PE Monte da Neve (Celanova-Verea).

Sinalan que en todos estes procedementos a plataforma acudirá a través da coordinadora galega Eólica Así Non, "co fin de informar á veciñanza sobre as prácticas empresariais e da Administración pública galega que a propia alcaldesa de Porqueira definiu como escuras".

Aínda que indican que a rexedora "cumpre co deber democrático de informar que vai no seu cargo" entenden que "o resto de alcaldes, non".

"Están, de maneira pasiva ou activa, favorecendo a invasión eólica e a ocupación dunha parte valiosísima do territorio", aseguran.