Social

Máis de 120 estudantes conversan con investigadoras galegas no Día das Rapazas nas TIC

Coloquio no 'Día das Rapazas nas TIC' (CPEIG)
Máis de 120 estudantes de Primaria e Secundaria mantiveron un encontro dixital con Amparo Alonso Betanzos, María Fernández Hermida, Isabel Expósito Pérez e Patricia Mañana Borrazás, catro mulleres galegas que traballan e investigan en ámbitos relacionados coas novas tecnoloxías

O Colexio de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) participou hoxe na oitava edición do Día Internacional das Rapazas nas TIC, ICT-Go-Girls!, na que máis de 120 estudantes de Educación Primaria e Secundaria mantiveron un encontro dixital con catro mulleres do mundo das TIC

A iniciativa estivo organizada polo Centro de Supercomputación de Galicia, en colaboración co CPEIG, a Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta, a Asociación de Mujeres Investigadoras y Tecnólogas e a Asociación.GAL.

Amparo Alonso Betanzos, María Fernández Hermida, Isabel Expósito Pérez e Patricia Mañana Borrazás, catro mulleres galegas que traballan e investigan en ámbitos relacionados coas novas tecnoloxías, compartiron a súa experiencia e responderon ás dúbidas das máis de 120 estudantes galegas que participaron. 

O evento foi creado para motivar ás novas xeracións de mozas co fin de que consideren as TIC, as Tecnoloxías da Información e a Comunicación, como un ámbito axeitado para o seu desenvolvemento académico, investigador e profesional.

Potenciar a educación tecnolóxica mitigaría o sesgo de xénero

"Os días convulsos que vivimos están demostrando a importancia da informática en moitos ámbitos, como o educativo ou o asistencial. É fundamental potenciar a educación tecnolóxica desde o inicio do proceso educativo, o que sen dúbida mitigaría o sesgo de xénero destas profesións", asegura o presidente do CPEIG, Fernando Suárez. 

Suárez lembra que a informática "será básica en máis do 75% dos empregos futuros, con independencia do sector e do sexo de quen os desenvolva". E afirma que a carreira pola innovación dependerá da capacidade de atracción de talento e da vocación por fomentar o enxeño, a intelixencia e a imaxinación de toda a mocidade.

Intelixencia artificial e videoxogos

Durante o encontro virtual Amparo Alonso, catedrática de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial da Facultade de Informática da Universidade da Coruña e presidenta da Asociación Española de Inteligencia Artificial, explicou ás estudantes como a intelixencia artificial está presente en moitas aplicacións e ferramentas. Ademais, como directora do grupo LIDIA (Laboratorio de I + D en Intelixencia Artificial), partillou con elas detalles dos seus proxectos de I+D en áreas tan diversas como a medicina ou a xestión de incendios

Na súa intervención, a artista dixital María Fernández explicou ás alumnas que a industria dos videoxogos é unha "gran descoñecida", mesmo para xogadores habituais. Faloulles das moitas e variadas opcións laborais que existen no sector, e nas que especificamente traballa como son escenarios, iluminación e guión. Aínda que lembrou que tradicionalmente foi un sector masculino con xogos feitos "por e para homes", referiuse a iniciativas como Women in Games, da que é embaixadora, que promove os videoxogos como unha carreira para mulleres, organiza charlas e apoia ás mulleres nesta industria.

Identificar novos restos arqueolóxicos

A enxeñeira en telecomunicacións Isabel Expósito describiu ás estudantes o seu traballo coa medida de sinais electromagnéticos, usados para a caracterización de antenas, tan en auxe actualmente polo cambio de frecuencias na TDT, e para que funcionen moitos outros dispositivos electrónicos que se usan a diario, como os móbiles e os ordenadores. 

Expósito é técnica do laboratorio Antelia, que pertence ao grupo de investigación de Sistemas Radio, recoñecido como grupo de referencia competitiva pola Xunta, que forma parte do AtlantTIC, un centro de referencia a nivel internacional de investigación en Telecomunicacións da Unversidade de Vigo. Nel desenvolven proxectos destinados a dar solución a problemas e facilitar a vida da xente desde a loita contra incendios,  a monitorización e localización de persoas maiores no rural ou a trazabilidade de alimentos empregando identificación por radiofrecuencia. 

Con estas tecnoloxías facemos copias dixitais dos restos arqueolóxicos

Pola súa banda, a arqueóloga especialista en novas tecnoloxías aplicadas ao patrimonio Patricia Mañana, coordinadora do proxecto DIMENSO e profesora no Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC) relatou ás alumnas como foi o proceso de aplicar e traballar coas tecnoloxías na arqueoloxía.

Mañana é especialista no uso de ferramentas topográficas, sistemas de información xeográfica, escáneres 3D ou fotogrametría. "Estas tecnoloxías axudan a facer copias dixitais dos restos arqueolóxicos e a identificar novos restos, co fin de obter resultados máis precisos, completos e detallados", salientou.