Galegas referentes en innovación tecnolóxica conversarán con alumnado no Día das Rapazas nas TIC

Muller xogadora de videoxogos (Pixabay)
O 23 de abril as estudantes poderán coñecer de primeira man de catro profesionais a aplicación das novas tecnoloxías en escavacións arqueolóxicas, o funcionamento da radio, a industria do videoxogo por dentro ou de que falamos cando falamos de intelixencia artificial.

A aplicación de novas tecnoloxías nas escavacións arqueolóxicas, o funcionamento da radio que acompaña o noso día a día na casa, as posibilidades que abren as investigacións en intelixencia artificial e algúns segredos da industria do videoxogo centran as catro charlas artelladas polo Colexio Profesional de Enxeñaría Informática da Galiza para o 23 de abril, o Día das Rapazas nas Tecnoloxías da Información e da Comunicación.

Esta efeméride procura motivar ás novas xeracións a valorar as tecnoloxías da información e da comunicación no seu desenvolvemento académico ou investigador e profesional. O evento está organizado e promovido polo CPEIG, a Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia, o CESGA, AMIT e a Asociación.GAL.

Aos mandos destas conversas están catro galegas referentes en cada un dos ámbitos citados. Coa súa experiencia vital como base, contarán en primeira persoa como as múltiples aplicacións das tecnoloxías que investigan no día a día das persoas. Elas son Amparo Alonso Betanzos, María Fernández Hermida, Isabel Expósito Pérez e Patricia Mañana Borrazás.

Alonso Betanzos é catedrática de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial pola Facultade de Informática da Universidade da Coruña. Ademais, preside a Asociación Española de Intelixencia Artificial e dirixe o Laboratorio de I+D en Intelixencia Artificial, LIDIA. Fernández Hermida traballa como artista dixital na industria de videoxogos e desde hai tres anos é embaixadora das mulleres no videoxogo (Women in Games Ambassador) nunha organización que promove a incorporación feminina neste eido.

Expósito Pérez, enxeñeira en Telecomunicacións na Universidade de Vigo, especializouse nas comunicacións por radio e hoxe investiga no grupo Sistemas Radio no centro AtlantTIC, adscrito á universidade, de referencia a nivel internacional. Mañana Borrazás é arqueóloga e profesora no Consello Superior de Investigacións Científicas. Durante nos seus máis de 20 anos de experiencia na profesión ten aplicado escáneres de múltiples tipos en escavacións.

Para apuntarse neste coloquio en directo compre enviar un correo electrónico ao enderezo e-learning@cesga.es indicando o curso e centro ao que pertence a alumna e mais a localidade desde a que se conecta.