Editorial Sermos268

Máis de 12 horas de descontrol

Feijóo admitiu que durante un lapso de 12 horas a Xunta perdera o control da vaga de lumes que devastou o país nunha fin de semana que xa figura na historia negra da Galiza. Só 12 horas? Feijóo ficou curto. En realidade, a Xunta perdeu o o control da política forestal e de loita contra os incendios desde hai moito máis tempo. Aquí, como no resto dos servizos públicos, a xestión da Xunta de Núñez Feijóo só se entende desde a óptica da demolición e da privatización. Desde a súa toma de posesión en 2009, o presidente da Xunta é responsábel de ter desmontado todo o aparato de reformas que o bipartito, a área nacionalista de Medio Rural, erguera no período 2005-2009. Esas reformas estaban a dar os seus froitos, a partir da xestión pública, e visaban a recuperación do medio rural e a posta en valor do monte.

 

Nada diso valía para o PP, que desde hai 8 anos practica unha política fundamentalmente ao servizo de intereses privados, con especial destaque para Ence. A privatización é a norma. O país non pode ter un dispositivo anti-incendios con traballadores en condicións precarias e eventuais. Este é o problema real, non a fantasmagoría dun terrorismo incendiario do que non se achega nen unha soa proba. E este problema real ten un único responsábel: Alberto Núñez Feijóo.